A Galiza exportou en 2022 o 40,5% da electricidade xerada

O consumo eléctrico da Galiza en 2022 ficou en 13.359.478 megawatts hora. Nesta anualidade, os consumos rexistraron unha caída de 4.190.761 megawatts hora en relación a 2021, o que representou un descenso de 22,9%.
Parque eólico en Dumbría, na comarca de Fisterra (Foto: Nós Diario).
photo_camera Parque eólico en Dumbría, na comarca de Fisterra (Foto: Nós Diario).

Os datos publicados na xornada de onte por Rede Eléctrica Española (REE) sobre a xeración eléctrica en 2022 confirman as tendencias dos últimos anos. A Galiza segue a ser un territorio exportador, cunha produción de 22.451.676 megawatts hora durante o pasado exercicio.

Ao tempo, a xeración de orixe renovábel, de 14.524.646 megawatts hora, supera en 1.165.228 megawatts por hora o consumo interno galego. 

Segundo estes datos, a Galiza xerou 22.451.676 megawatts hora de electricidade ao longo de 2022. A produción de orixe renovábel representou 14.524.646 megawatts hora e a de orixe non renovábel 7.891.030. Neste sentido, deuse unha caída na produción de 1.753.345 megawatts hora, como consecuencia da baixa da xeración eléctrica de orixe hidráulica por motivo da seca.

O consumo eléctrico da Galiza en 2022 ficou en 13.359.478 megawatts hora. Nesta anualidade, os consumos rexistraron unha caída de 4.190.761 megawatts hora en relación a 2021, o que representou un descenso de 22,9%.

A causa principal desta situación derívase do paro na actividade das cubas de electrólise de Alcoa, o primeiro consumidor eléctrico da Galiza e do Estado, así como dunha caída dos consumos domésticos polo prezo da electricidade.

A produción eléctrica de orixe renovábel voltou a ser un ano máis superior ao total do consumo galego. Mentres a xeración de electricidade mediante enerxías limpas ficou en 14.524.646 megawatts hora, o consumo interno fechou en 13.359.478 megawatts hora, sendo inferior en 1.165.228 megawatts hora o consumo interno galego. Así, a produción de orixe renovábel superou en 8% o consumo galego. 

A Galiza exportou ao longo de 2022 o 40,5% do total da electricidade xerada no país. As cifras situáronse por riba das últimas anualidades, chegando a 28,1% en 2021, a 31,8% en 2020, a 25% en 2019 e a 35% en 2018. Neste sentido, practicamente a terceira parte da electricidade producida polas distintas tecnoloxías non se utiliza no país, destinándose a outros territorios que consumen o produto final, sen cargar cos custos ambientais e sociais.

Comentarios