As empresas eólicas ingresaron na Galiza 988 millóns nos primeiros sete meses de 2022

A Galiza produciu 4.919.560 megawatts  de electricidade de orixe eólica nos primeiros sete meses deste ano. A produción xerou uns ingresos para as compañías titulares das instalacións de 988.458.430 euros. Iberdrola, Acciona, Naturgy e Enel, con sede fiscal en Madrid, son as empresas máis beneficiadas

Varios cabalos pacen na contorna do parque eólico de Tronceda, na serra do Xistral. (Foto: Europa Press)
photo_camera Parque eólico na serra do Xistral, onde parte dos aeroxeradores se emprazan en Rede Natura.(Foto: Europa Press)

As compañías eólicas con actividade na Galiza obtiveron uns ingresos de 988,458 millóns euros entre xaneiro e xullo de 2022. Segundo os últimos datos achegados por Rede Eléctrica Española (REE), referidos aos sete primeiros meses deste ano, a xeración total de electricidade mediante a tecnoloxía eólica situouse no país en 4.919.560 megawatts.

Marzo, con 891.063 megawatts e xaneiro, con 819.249 megawatts, foron os meses de máis produción eólica, colocándose á cola nese período xuño, con 471.191 megawatts, e maio, con 608.062 megawatts.

Prezos en máximos

O prezo medio da electricidade no mercado grosista situouse nos primeiros sete meses de 2022 en 196,1 euros. Os meses onde se rexistraron unhas cifras máis elevadas foron marzo cun custo de 283,3 euros megawatt/hora e xaneiro con 201,7 euros megawatt/hora, marcando as tarifas máis baixas xullo, con 142,6 megawatt/hora, e xuño, con 169,6 megawatt/hora. Porén, a luz fixou o seu prezo máis elevado no espazo ibérico o 8 de marzo de 2022, cando, empuxada pola xeración de orixe hidráulica, chegou, entre as 19 e as 20 horas, a 700 euros megawatt/hora, a contía máis elevada de toda a serie histórica.

Ingresos galegos

A Galiza reportou ás empresas eólicas ingresos de 988,45 millóns de euros entre xaneiro e xullo de 2022. Os mellores meses para as compañías enerxéticas resultaron ser marzo, cuns ingresos de 252,43 millóns de euros, e xaneiro, con 165,24 millóns de euros, presentando os peores números en xuño, con 79,91 millóns de euros, e xullo, con 103,42 millóns.

A potencia eólica instalada no país está próxima a 4.000 megawatts. Porén, actualmente atópanse outros 7.000 novos megawatts eólicos en tramitación diante do Goberno do Estado e do galego, ao se deberán sumar en breve 5.000 megawatts derivados de diversos proxectos de hidróxeno verde e biometanol. Neste sentido, destaca o complexo de Maersk na comarca da Coruña.

Os principais operadores eólicos na Galiza teñen sede fiscal en Madrid, onde pagan os seus impostos, destacando entre eles Iberdola, Acciona, Naturgy e Enel. Así, Iberdrola conta con 599,5 megawatts e 18 parques no país, sendo os seus accionistas de referencia o fondo soberano de Qatar, con 9,72%; Kutxabank, con 3,60%; o Banco de Noruega, con 3,17% e o fondo de investimentos estadounidense Blackrock.

Os donos dos eólicos

Acciona Enerxía písalle os talóns a Iberdrola. A sociedade madrileña propiedade da familia Entrecanales explota 562,3 megawatts e 26 parques eólicos na Galiza, construídos entre 1998 e 2005. A continuación sitúase outra empresa con enderezo en Madrid, Naturgy, con 93,2 megawatts e 16 complexos de xeración no país, sendo o seu principal accionista a financeira La Caixa, con 24,4% do capital. A compañía pública italiana Enel, propietaria da antiga Endesa e con sede social na capital do Estado, é o cuarto operador eólico do país, con 262 megawatts e 13 parques operativos.

A conta de resultados

A Galiza representa unha parte importante na conta de resultados das compañías enerxéticas con sede en Madrid. Un caso análogo ao acontecido coa eólica dáse na hidráulica, até o punto de situarse a súa facturación no período entre 2011 e 2020 por enriba de 4.000 millóns de euros.

Segundo un traballo elaborado polo colectivo Bidán, tomando como referencia o prezo medio do megawatt en cada unha das anualidades e a produción eléctrica de orixe hidráulica certificada para a Galiza por Rede Eléctrica Española (REE), “as centrais hidroeléctricas instaladas nas concas galegas xeraron ás eléctricas entre 2011 e 2020 unhas ganancias de aproximadamente 4.049 millóns de euros”. Os datos para 2022 avanzan beneficios históricos.

Comentarios