A factoría de Maersk na Coruña obriga a duplicar a potencia eólica da Galiza

73 proxectos para a xeración de hidróxeno verde ou biometanol buscan axudas públicas para instalarse na Galiza. A maioría deles están promovidos por multinacionais estranxeiras que tentan aproveitarse das grandes potencialidades do país para estas producións. O último deles está impulsado por Maersk.

Marsk
photo_camera O CEO de Maersk, Soren Skou, Pedro Sánchez, e Amparo Moraleda, directiva de Maersk, durante a presentación do proxecto. (Foto: Europa Press)

A multinacional danesa Maersk, a primeira navieira do mundo con perto de 1.000 embarcacións entre portacontedores e remolcadores, vén de anunciar a súa intención de erguer unha factoría de biometanol na contorna do porto de Langosteira, na Coruña, para servir  combustíbel á súa frota. O proxecto, presentado polos directivos da compañía e o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, a comezos de novembro, prevé investir 2.000 millóns na planta de biometanol e unha contía de perto de 4.000 millóns na compra e construción de diversas instalacións eólicas.

A factoría require para operar unha gran cantidade de auga e de enerxía. Neste sentido, a multinacional danesa sinala que a súa planta da Coruña vai precisar para o seu funcionamento 4.000 megawatts de electricidade de orixe renovábel, o que obrigaría a duplicar a potencia eólica actualmente instalada na Galiza. Nesa dirección, a compañía anunciou a súa intención de adquirir determinados parques de renovábeis activos e erguer outros até satisfacer as súas necesidades enerxéticas. Precisamente, este ámbito de negocio non é novo para Maersk, xa que esta actividade representa 28% da súa facturación e 68% dos seus beneficios.

A proposta de Maersk para Galiza está condicionada a recibir axudas públicas procedentes do programa Next Generation. A este respecto, o Goberno estatal reserva para estes proxectos no Perte (Proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica) de enerxías renovábeis, hidróxeno renovábel e almacenamento de enerxía uns 9.500 millóns de euros, aspirando a multinacional danesa a conseguir 3.000 millóns de diñeiro público para eses dous proxectos no Estado español, que suman unha contía total de 10.000 millóns de euros.

O plan de Maersk, avalado por Pedro Sánchez, está a provocar tensión no sector, pois a súa envergadura vai provocar que fiquen sen financiamento moitos proxectos da mesma natureza presentados ao Executivo.

O membro do Colectivo Bidán Fernardo Parga sinala a Nós Diario que “o proxecto de Maersk altera todos os plans previstos para as máis de 70 propostas de factorías de hidróxeno e biometanol promovidas na Galiza e implica unha mudanza radical en toda a planificación enerxética. Estase falando de máis de 4.000 megawatts para póla en marcha, algo que duplica a potencia instalada na Galiza e á que se deben sumar outros máis de 7.000 megawatts de eólica terrestre actualmente en tramitación”.

Ademais, continúa Branco, “as grandes beneficiadas deste negocio son empresas foráneas, que reciben os fondos europeos e fican coa capacidade de xerar riqueza da eólica. En definitiva, o proxecto de Maersk vén ser unha gran gasolineira no porto da Coruña ao servizo dunha empresa que, practicamente, non crea emprego directo”.

O catedrático de Bioloxía e histórico do ecoloxismo galego Ramón Varela salienta os poucos beneficios económicos que xeraría para Galiza a factoría de biometanol da Coruña. Así, indica a Nós Diario, que “estas plantas só crean emprego na fase de obra e construción, sendo moi pouco o que xeran cando están en funcionamento. Maersk acaba de encargar a construción dos primeiros oito novos buques que funcionarán con biometanol e anuncia a construción de outros 19 nun futuro próximo, pero ningún deles se encargou a un estaleiro galego nin se fará na Galiza”.

Auga e eólica

Varela lembra que “fabricar hidróxeno verde ou biometanol quere dicir que se tería que producir a partir de fontes renovábeis, para o cal aumentarían no país os parques eólicos, neste caso concreto obrigaría a duplicar a potencia eólica instalada na Galiza”. Ao tempo, apunta que “o hidroxeno ou o biometanol obtense a partir dun proceso químico de electrólise, que ten un alto custo de produción e necesita grandes cantidades de electricidade e auga”.

A profesora de Economía Aplicada da USC Rosa Regueiro explica a Nós Diario que “aquí quen gaña é Maersk. Galiza pode gañar de forma indirecta. Porén, o sector enerxético non é intensivo en creación de emprego”.

Comentarios