A política critica Abanca por fechar sucursais no rural após beneficiarse de "diñeiro público"

A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, entrou no debate esta sexta feira, despois de que a Fegamp alertara de que a desaparición de moitas oficinas vai ter efectos no despoboamento do rural. Tamén o delegado do Goberno español na Galiza afeou as decisións da entidade financeira.
A alcaldesa pronunciouse após unha visita do delegado do Goberno de España. (Foto: Delegación do Goberno) #forcarei #rural #abanca
photo_camera A alcaldesa pronunciouse após unha visita do delegado do Goberno de España. (Foto: Delegación do Goberno de España na Galiza)

Despois de que a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) alertara a pasada quinta feira de que o feche de sucursais de Abanca (e doutras entidades financeiras) no rural ía acrecentar o problema do despoboamento, a clase política galega segue a pronunciarse en contra dos plans estratéxicos do banco galego.

A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, criticou esta sexta feira Abanca por decretar a desaparición de varias oficinas no rural "despois de recibir moito diñeiro público".

Neste sentido, instou á empresa a reconsiderar as decisións, que por exemplo afectan a Soutelo de Montes.

"Fan referencia aos números, pero aquí non só vai de números. É unha entidade financeira que recibiu moito diñeiro público e deberíase ter en conta non só os números, senón tamén ás persoas", subliñou Pichel durante un encontro co delegado do Goberno español na Galiza, José Miñones.

Tamén este último falou da situación e, malia aludir a novos servizos de Correos "para achegar os servizos bancarios a estas poboacións", recoñeceu que non se pode suplir a presencialidade en sucursais e que as propostas que aparecen "son complementos".

Miñones explicou que mantén o contacto coa Fegamp pola "fuga" de bancos, algo que este último colectivo que agrupa á maioría dos concellos galegos cre que "non é compatíbel coa realidade galega".

Desde o punto de vista do representante estatal no país, as áreas menos urbanas deben ter acceso a servizos "de calidade" que faciliten e "permitan a súa progresión persoal, social e económica". A este respecto tamén falou das conexións a internet para "favorecer a igualdade de oportunidades".

Comentarios