domingo 19/09/21

A banca expatria 27.226 millóns de euros de aforro galego cara a outros territorios

Madrid é a grande beneficiada da drenaxe do capital da Galiza
O Banco Santander é o segundo grupo financeiro en volume de depósitos na Galiza. (Foto: Santander.com) #economía #pib #galiza #entidadefinanceira #banco #sucursais #despedimentos #rural
O Banco Santander é o segundo grupo financeiro en volume de depósitos na Galiza. (Foto: Santander.com)

A drenaxe do aforro da cidadanía galega non deixa de medrar de modo progresivo desde 2013. Segundo os últimos dados ofrecidos polo Banco de España, referidos ao primeiro trimestre de 2021, o total dos depósitos custodiados polos bancos presentes na Galiza é de 73.084 millóns de euros, porén os créditos da mesmas entidades no país sitúanse en 45.858 millóns de euros, xerándose unha fuga de capitais de 27.226 millóns de euros. Estas cifras representan unha alza en relación coas anualidades anteriores, concretamente en 2019 vanse expatriar 25.271 millóns de euros, sendo a 31 de decembro o monto do aforro galego de 66.819 millóns de euros e o total dos créditos de 41.548 millóns de euros.

O aforro xerado na Galiza representa o 5,23% do total estatal mentres o crédito do sistema financeiro sitúase en 3,14%, unha porcentaxe máis de dous puntos inferior ao peso da poboación galega no conxunto do Estado. Nunha dirección análoga, o crédito per cápita atópase nos postos de cola a nivel estatal, significando o aforro expatriado polo sistema financeiro unha contía  económica considerábel, próxima a 42% do Produto Interior Bruto (PIB) galego e superior en 15.362 millóns de euros ao orzamento da Xunta de 2021. 

A maiores, este fenómeno prodúcese nun contexto de falla de músculo financeiro do tecido empresarial galego, que limita a súa capacidade para cometer novos investimentos e obriga, en moitos casos, a acudir a fórmulas de financiamento non exentas de perigos, como os fondos risco. 

As consecuencias da expatriación do aforro

As consecuencias da expatriación do aforro polo operativo financeiro son moi prexudiciais para Galiza. A este respecto, o economista Xosé Díaz advirte “da descapitalización do país, a través da actuación do sistema financeiro operante na Galiza, que conduce a que os nosos depósitos non sexan realmente nosos”. Ao tempo, sinala que a lóxica dos créditos e dos depósitos “veñen a presentarnos a situación histórica que a Galiza se lle fixo xogar, drenándolle parte do seu capital, dos seus aforros, para financiar o sector empresarial e, en xeral, o desenvolvemento e o benestar do resto do Estado, nomeadamente Madrid, sede da maioría do sector financeiro operante na Galiza”.

O comportamento do crédito e dos depósitos na Galiza contrasta co de Madrid, a grande beneficiada pola expatriación do aforro galego. Mentres esta xera no primeiro trimestre de 2021 o 27,32% do total do aforro estatal, 355.864 millóns de euros, recibe 28,72% dos investimentos, 381.924 millóns de euros, practicamente 15 puntos máis do peso da súa poboación no Estado. Asemade, o crédito en Madrid ten aumentado catro puntos na última década, como consecuencia do proceso de concentración do poder económico na capital do Estado, impulsado por diferentes decisións dos poderes públicos. Neste sentido, xoga un papel chave o proceso de reestruturación bancaria acometido no marco da Grande Recesión, onde xunto ao de rescate do sistema financeiro con diñeiro público se adoptan medidas para favorecer o estabelecemento das sedes das entidades de crédito en Madrid.

Un problema crónico de carácter estrutural

A expatriación do aforro é unha preocupación de vello dos economistas galegos. 

A esta importante cuestión, dedicaron estudos pioneiros Lois Peña Novo e Alexandre Bóveda, que non dubidou en cualificala como unha das “expresións máis claras do espolio da Galiza”. 

Na mesma liña, Valentín Paz Andrade sinalou que “ o problema do noso atraso” [...] “é precisamente a imposibilidade que Galiza ten para poder reter o aforro e facer que contribúa, como lle tocar, á mellora dos nosos paisanos, coutando a sangueira do aforro colectivo”. 

Ao tempo, Ramón Barral Andrade, no seu volume O aforro e a inversión en Galicia, afirmou que “o máis fondo problema para nós, da Galiza: a descapitalización, ou fuxida do capital galego”.

Galiza perdeu máis do 51% das sucursais en dez anos

A drenaxe do aforro maniféstase nunha nova conxuntura marcada pola práctica desaparición das entidades de crédito galegas, polo proceso de exclusión bancaria para amplos sectores da poboación e polo fechamentos de sucursais en todo o país. Os dados fornecidos polo Banco de España sinalan que Galiza ten perdido na última década o 51,52% das oficinas bancarias, localizando o groso dos fechamentos nos anos dos grandes movementos de concentración financeira da primeira vaga de fusións, nun proceso de axuste ao que non escapan as áreas urbanas. Así, entre estas, lideran a supresión de oficinas as cidades de Lugo, cunha redución de 26,66%, e Ourense, con 25,33%, malia ter desaparecido nas comarcas desta circunscrición máis de 60% das sucursais.

O ritmo de fechamentos mantívose nos últimos catro anos. Segundo as cifras ofrecidas polo regulador bancario, en  2017 existían 1.547 sucursais na Galiza e hoxe fican 1.231, a falta de que se concreten novos fechamentos derivados dos ERE en marcha. Porén, as organizacións sindicais da banca denuncian que non hai que agardar aos procesos de despedimento colectivos para que se produzan reducións dos cadros de persoal das entidades. Na mesma liña asístese a un progresivo proceso de perda de competencias das sucursais en detrimento dos servizos centrais, desaparecendo moitas das prestacións de proximidade. 

A situación está chamada a empeorar. Aos 5.500 empregos perdidos no sector da banca na última década na Galiza, súmanse novos despedimentos, até o punto que as centrais sindicais advirten da desaparición de practicamente 600 empregos máis nos próximos meses na Galiza.  

comentarios