O PIB galego creceu en 2022 case dous puntos menos que a media española

compras-em-supermercado-economia-pib-20151126-0047

O Produto Interior Bruto (PIB) da Galiza creceu 3,8% en 2022 en comparación con 2021, segundo os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE)  esta sexta feira.

Esta cifra supón case dous puntos menos que 5,5% de crecemento de media da economía no Estado español en 2022, segundo os datos avanzados hai uns días polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Con base nos datos do IGE, obsérvase un ralentizamento da economía galega na parte final do ano, cunha alza interanual de 2,2% no cuarto trimestre, menos que 2,7% do terceiro trimestre e lonxe do ritmo de avance por riba de 5% do primeiro semestre.

Recentemente, o Foro Económico de Galiza xa avisara dunha "acusada" desaceleración da economía galega no terceiro trimestre de 2022, pois crecía "moi por baixo" do Estado español e Portugal, de forma que se está "desacoplando" do ritmo de avance estatal.

E é que o último trimestre do ano obsérvanse caídas interanuais en cuestións como gastos dos fogares ou das administracións públicas.

No tocante ao emprego, prodúcese un aumento de 2,2% en 2022 de postos de traballo equivalentes a tempo completo. Hai alzas en todos os sectores agás o primario (-0,6%): construción (2,9%), servizos (2,5%) e industria.

E 2023?

Por outra parte,as previsións non sinalan un bo comportamento da economía galega en 2023. Deste modo, o crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) na Galiza ficaría, segundo o informe Situación Galicia 2023 publicado por BBVA Research, en 0,7%, a metade do esperado para o conxunto do Estado español, cun medre de 1,4%.

Neste escenario, o estudo non descarta un escenario de recesión na Galiza. "Non é descartábel que o PIB experimente unha contracción a curto prazo", sinala BBVA Research. 

Comentarios