A taxa de crecemento do PIB da Galiza no último trimestre estancouse en 0%

A economía galega fica entre as únicas catro do Estado que non medrou.
O director da División de Análise Presupuestaria da Airef, Ignacio Fernández-Huertas Moraga (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
photo_camera O director da División de Análise Presupuestaria da Airef, Ignacio Fernández-Huertas Moraga (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press).

A Galiza, xunto con Estremadura, o País Valencià e Asturies, ficou entre as únicas catro autonomías do Estado español cuxa evolución do Produto Interior Bruto (PIB) non foi positiva no último trimestre de 2022.

Así, a economía galega experimentou unha taxa de aumento do PIB de 0% durante os últimos tres meses do pasado exercicio, segundo os datos publicados esta terza feira pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef).

A taxa intertrimestral de crecemento da economía do Estado español foi de 0,2%. Pola súa parte, en termos interanuais, o medre do PIB estatal situouse en 2,7%, segundo a Airef.

Tamén neste apartado é inferior o crecemento galego, que ficou nunha taxa de 1,9%, até 0,8 puntos porcentuais por baixo da media do Estado español. Neste sentido, a Galiza foi a cuarta economía con peor resultado na comparativa interanual, só por detrás de Aragón (1,8%), Cantabria (1,7%) e Asturies (1,3%).

Ademais, o Fondo Monetario Internacional (FMI) revisou esta terza feira á baixa o crecemento da economía do Estado español para os anos 2023 e 2024, con rebaixas de unha e dúas décimas, respectivamente, até 1,1% este ano e 2,4% en 2024.

A zona euro consegue esquivar a recesión

O crecemento da zona euro freouse substancialmente no cuarto trimestre de 2022, cando o seu PIB se expandiu a un ritmo de 0,1%, fronte á taxa de 0,3% dos tres meses anteriores, segundo o dato preliminar publicado esta terza feira por Eurostat.

Porén, con esta taxa de crecemento, a eurozona afasta o risco de recesión técnica, que implica dous trimestres consecutivos de contracción da actividade económica nun territorio determinado.

Comentarios