Máis de 72.000 galeg@s afectad@s por un ERE durante a lexislatura de Feijóo

De 2009 a xullo deste ano houbo na Galiza 4.900 expedientes de regulación de emprego presentados ou autorizados, afectando a 72.500 traballadores

Un total de 72.443 galeg@s víronse afectad@s por un expediente de regulación de emprego (ERE) entre 2009 e xullo de 2012. Neste mesmo período, o goberno do PP de Núñez Feijóo na Xunta da Galiza, o número de EREs presentados ou autorizados foi de 4.887, un 30% dos cales corresponden aos sete primeiros meses de 2012. Un dato que exemplifica os efectos da última reforma laboral, propulsada polo goberno de Mariano Rajoy.

Entre xaneiro e xullo deste ano presentáronse ou foron autorizados 1.488 EREs, que afectaron a 16.428 traballadores e traballadoras. Dest@s, un total de 10.677 traballador@s víronse mergullados en expedientes suspensivos, 3.833 en EREs de reducción de xornada e 1.928 de extinción, isto é, que foron ao paro.

Mais o acontecido nestes meses vén sendo unha continuidade, moito máis acentuada, do panorama laboral que Galiza leva a sofrer desde hai tres anos. O ano da chegada de Feijóo á Xunta na Galiza rexistráronse 1.200 EREs, que afectaron pola volta de 20.000 traballadores e traballadoras.

Tendencia

No ano seguinte, foron arredor dun milleiro os expedientes de regulación de emprego que houbo no país e uns 13.200 os e as traballadoras afectadas. Destas, 1.344 sufriron un ERE de extinción, 973 de reducción de xornada e 9.343 expedientes temporais.

No seguinte exercicio o número de EREs disparouse a 1.236 e o número de traballador@s afectad@s foi de 23.000. Del@s, perto de 4.000 estiveron implicad@s nun ERE de extinción, 15.832 de suspensión e 3.000 de reducción de xornada.

A reforma laboral disparou os expedientes

A reforma laboral aprobada polo goberno do PP está a dinamitar dereitos laborais a un ritmo que se podería decir desenfreado. Unha realidade que foi denunciada no Congreso español pola deputada Olaia Fernández Davila a comezos do verán. A parlamentar do BNG sinalou que os EREs non pactados incrementáronse nun 317% e os traballadores afectados multiplicáronse por catro en relación ao ano pasado, e todo a raíz da reforma laboral.

Alén disto,  a reforma laboral tamén abriu a porta a que o amplo abano de vellas demandas da patronal, canto a motivos de despedimento, fosen admitidas. E as consecuencias xa se fixeron notar. Un exemplo diso é Vigo, a principal cidade da Galiza. Seis de cada 10 traballador@s que levaron ao xulgado a empresa nestes meses polo seu despedimento alegaron que esta xustificou botalos á rúa cun argumentario que abrangue desde a crise até carencia de liquidez ou mesmo un descenso dos beneficios.

Comentarios