xoves 02/12/21

Malestar e queixas nas persoas usuarias polo "oligopolio" nos horarios dos bancos

As restricións horarias dos servizos de caixa nas entidades bancarias coincidindo coa pandemia motivaron a denuncia da CIG diante da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) por considerar que tras esta decisión hai "un acordo" que prexudica a clientela. Numerosas queixas sobre esta situación xa chegaron á Unión Xeral de Consumidoras da Galiza (UCGAL).
Unha entidade bancaria en Compostela (Nós Diario).
Unha entidade bancaria en Compostela (Nós Diario).

A principios de 2020 a maior parte das entidades bancarias foron anunciando a implantación da redución do horario de caixa en todas as súas oficinas. Primeiro foi o Banco Santander e seguíronlle BBVA e Abanca. A coincidencia nos horarios en todos eles, con remate ás 11 horas, fixo nacer na CIG a sospeita de que había un acordo nos bancos asociados á AEB (Asociación Española de Banca) e á CECA (Confederación Española de Caixas de Aforros) nesas restricións sen facer discriminación de usuarias e usuarios ou mesmo de ámbito xeográfico.

Por este motivo a central nacionalista presentou denuncia ante a CNMC para que investigue esta circunstancia e convocou unha protesta diante dos Edificios Administrativos da Xunta en San Caetano (Compostela) para o día 28 de xuño. Fontes da AEB consultadas por Nós Diario aseguran "descoñecer os termos exactos da denuncia", aínda que apuntan que "as decisións de organización e funcionamento da rede comercial dos bancos son individuais, de cada entidade". 

"Estamos nun oligopolio e aproveitan para expulsar a xente das oficinas sen ter en conta que hai clientes que teñen dificultades de adaptarse ás novas tecnoloxías e quedan excluídos", cre Rosa Conde (CIG) que demanda que "o Estado español interveña e a nivel de Xunta tamén a través de Consumo para estabelecer uns mínimos de servizos básicos de carácter presencial". Conde denuncia que, ademais, incrementáronse as comisións "tamén moi semellantes entre as diferentes entidades bancarias". Na Galiza, o Banco de Santander e Abanca teñen un 80% do mercado. 

Beatriz Meilán (UXT) opina que os bancos buscan "aforrar custos" aínda sabendo que "deixan de prestar servizos" afirmando que están pola dixitalización "cando a maior parte de clientes non están preparados". Denuncia que "temos obxectivos de dixitalización e collemos os móbiles dos usuarios mais iso non significa que estean dixitalizados". Apunta ás Administracións que "facilitan" o negocio dos bancos ao "obrigarnos a cobrar ou pagar recibos, prestacións e outros a través dunha conta corrente" e deberían intervir.

Queixas á UCGAL

O secretario xeral de UCGAL, Miguel López, valora a presentación da denuncia da central nacionalista "diante de calquera sospeita razoada" e cre que "hai elementos abondo para iniciar este expediente". Considera que é un caso semellante  ao que acontece coas comisións, "que as estabelecen uns tras outros". 

Explica a Nós Diario que ao seu organismo chegaron numerosas queixas "sobre as limitacións dos horarios de atención ao público". Nelas constatou que "hai moitas persoas que non dispoñen da capacitación para poder empregar outras ferramentas e as propias entidades financeiras non poñen ao seu dispor outras".

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Para UCGAL estes servizos seguen a ser moi demandados na Galiza e "hai moitos sectores de poboación que seguen a precisar unha atención personalizada". Non entende que nun momento dado "unha persoa abra unha conta bancaria e agora se lle prive dese servizo, que consideramos básico", pois na actualidade "é imposíbel non dispor dunha conta bancaria". López considera que "está fracasando o sistema cando nin a propia Administración tenta paliar esta situación".   

Investigacións polos avais ICO Covid

Non será a primeira actuación da CNMC contra entidades bancarias durante a pandemia. Este organismo xa incoara un expediente sancionador contra o Banco Santander, CaixaBank e o Banco Sabadell por posíbeis prácticas restritivas da competencia na comercialización das liñas de avais ICO Covid -do Instituto de Crédito Oficial- ao exixir contratar outros produtos máis rendíbeis para os bancos.

Malestar e queixas nas persoas usuarias polo "oligopolio" nos horarios dos bancos
comentarios