UCGAL alerta dos perigos das ofertas de eléctricas e financeiras no estado de alarma

A Unión de Consumidoras da Galiza (UCGAL) asegura que hai produtos que se aproveitan do descoñecemento da consumidora ou consumidor. Denuncian , tamén, que moitas axencias de viaxes non devolven o importe de determinados paquetes turísticos. 
Torres de alta tensión (Europa Press)
photo_camera Torres de alta tensión (Europa Press)

A Unión de Consumidoras da Galiza (UCGAL) alerta que a situación provocada polo estado de alarma contra a pandemia da COVID-19 provocou algunhas actuacións que poderían danar os nosos dereitos.

Desde esta entidade apuntan que unha porcentaxe importante das demandas que lles chegan teñen que ver co aprazamento das facturas como consecuencia da parálise dunha gran parte da actividade económica. "Algunhas eléctricas fixéronse eco desta preocupación e ofrecen a posibilidade de adiar e fraccionar o cobro das facturas, mais hai casos só llela presentan aos clientes que pertencen ao mercado libre, quedando excluídos os do mercado regulado", explican desde UCGAL. Para esta entidade esta maneira de actuar fomentan o cambio, de forma oculta, do mercado regulado, máis barato para os consumidores domésticos, ao libre.

Estas manobras quedan ocultas polo descoñecemento da poboación. "A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia indica que 64% dos fogares españois descoñecen en que mercado teñen contratado a subministración de luz", sinalan desde UCGAL.

Tarxetas de crédito e recuperación viaxes

Outro dos perigos neste días son as tarxetas de crédito revolving que permiten devolver o crédito a prazos mediante o pago de cotas periódicas que varían. "Con cada cota pagada o crédito dispoñíbel volve reconstituírse e, dependendo do tipo de xuro, pode que nunca se chegue a acabar de amortizar a débeda", sinalan desde esta asociación. Explican que algunhas entidades financeiras rebaixaron os xuros destas tarxetas até 21%, unha porcentaxe que se axusta á media do tipo de xuros para estes produtos. Para UCGAL é "unha estratexia para disuadir ás consumidoras de reclamar polos xuros usurarios cobrados con anterioridade".

Por último informan que moitas axencias de viaxes néganse a devolver o importe das viaxes combinadas, aquelas nas que se contratan polo menos dous servizos (transporte e aloxamento, por exemplo) de forma conxunta cunha axencia. Desde UCGAL lembran que as viaxeiras e viaxeiros afectados teñen dereito ao reembolso dos cartos ou a un bono por dita contía cun período de validez dun ano desde o fin do estado de alarma.

Comentarios