Denuncian ante Competencia un “pacto” entre bancos para restrinxir o servizo en caixa

Buscando así obrigar a clientela a acudir a caixeiros ou banca electrónica e tamén xustificar despedimentos, indica a CIG, sindicato que interpuxo a denuncia.

Unha persoa saca cartos dun caixeiro (Europa Press / arquivo)

CIG denuncia ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) a restrición de servizos que caixas e bancos prestan de maneira presencial. O sijdicato nacionalista pide á CNMC “que investigue se as restricións do servizo de caixa por parte das entidades financeiras, posta en marcha practicamente ao unísono e cos mesmos horarios (de 8 a 11), responde a un pacto entre elas”.

As denuncias afectan a bancos asociados á AEB (Asociación Española de Banca) e á CECA (Confederación Española de Cajas de Ahorros).

A central indica que xa con carácter previo á pandemia, diversos bancos comunicaron á representación sindical a súa intención de restrinxir os servizos de caixa á clientela, coincidindo incluso nos horarios de atención.

Trátase, prosegue a CIG, dunha restrición dun servizo que ten a consideración de básico conforme á lexislación europea e española e que continúa tendo demanda, “sobre todo en amplos segmentos da poboación que ten máis dificultades para facer uso das novas tecnoloxías”.

As políticas comerciais dos distintos bancos son idénticas, incide o sindicato: as cláusulas nos contratos tombadas pola xustiza, eran practicamente idénticas; as subas de comisións prodúcense case simultaneamente; “e o mesmo sucede agora coas actuais restricións dun servizo básico asociado ao contrato das contas”.

Estas restricións, afirman, restrinxen os servizos ás persoas que teñen dificultades para usar os caixeiros automáticos ou a banca electrónica. “Neste senso cabe lembrar que un 38% da clientela non é usuaria da banca electrónica”.

Por outra banda, “esta restrición de servizos está sendo utilizada nos informes técnicos que os propios bancos están utilizando para tratar de xustificar os Expedientes de Despedimentos Colectivos, é dicir, para despedir o persoal que tradicionalmente atendía as caixas. Un posible pacto anticompetitivo, argumenta despedimentos colectivos”.

Comentarios