Peche de mariñeiros do caladoiro mauritano na Deputación de Pontevedra

Os mariñeiros protagonizan máis unha mobilización para exixiren o pagamento das axudas e o dereito a volver faenar en augas de Mauritania

Os mariñeiros galegos que faenaban no caladoiro de Mauritania, do cal foron expulsados por un acordo da UE que desaloxaba os cefalopodeiros da Galiza, volveron protagonizar esta cuarta unha nova mobilización. Nesta ocasión, cun peche na Deputación de Pontevedra, protesta que non abandonaron até terse reunido co presidente da entidade, Rafael Louzán, e lograr que o ministerio lles facilitase unha copia do borrador de axudas que estes profesionais recibirán pola parada obrigada na actividade.

Un cento de mariñeiros, procedentes fundamentalmente da comarca do Morrazo, protagonizaron a protesta, que ao igual que a desenvolvida esta mesma semana en Vigo perante a Axencia Europea de Pesca, tiña dous obxectivos principais. Por unha banda, reclamar celeridade do goberno no pagamento das axudas á frota expulsada de Mauritania. E por outra, defender o dereito a faenar nese caladoiro africano dos barcos galegos.

Neste sentido, na CIG lembraron que non hai razóns, "alén da incompetencia da Xunta e Madrid" perante a UE, que xustifiquen que os cefalopodeiros galegos non deban pescar nesas augas. Desde a central nacionalista afírmase que os argumentos de tipo biolóxico non son válidos. "Se fose así, que hai escasez de recursos, non entrarían os barcos chineses a substituir os galegos". Alén disto, nestes dous últimos anos "houbo moi boas capturas, de bo tamaño e cun bo prezo".

Comentarios