O sector das renovábeis volve cargar contra a Xustiza e os recursos "absolutamente aleatorios" pola paralización de eólicos

"É dificilmente defendíbel que todos os proxectos incumpren a normativa ambiental ou os seus estudos están mal feitos", alega a Mesa para o Desenvolvemento Renovábel e Industrial da Galiza.
Durante os dous próximos anos os proxectos eólicos poderán recibir o visto bo só co estudo ambiental da empresa promotora. (Foto: Luis Vilanova).
photo_camera A Mesa critica tamén as plataformas que presentan recursos contra proxectos eólicos. (Foto: Luis Vilanova).

A decisión do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza de paralizar cautelarmente máis de 16 proxectos eólicos polas súas potenciais afeccións e de elevar aos tribunais europeos a disputa co Supremo sobre os informes sectoriais e os prazos de alegacións non gusta na Xunta da Galiza —cuxo presidente, Alfonso Rueda, cualificou de "inédito" o movemento e acusou os maxistrados galegos de "ignoraren" a doutrina do alto tribunal español— nin no propio sector eólico, que xa se ten pronunciado contra o TSXG en máis dunha ocasión.

A patronal porfía no argumento dunha "xudicialización" que considera negativa e esta terza feira fai propia esa tese a Mesa para o Desenvolvemento Renovábel e Industrial da Galiza, entidade da que a patronal eólica forma parte canda representantes da Asociación Galega do Hidróxeno, a Asime, a Cámara Mineira, o Clúster de Enerxías Renovábeis, a CEG, a Federación Galega da Construción e mais os sindicatos CCOO e UXT. Este organismo constituído o pasado ano vén de demandar unha reunión urxente co presidente Rueda e mais co delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco.

Entenden que as últimas sentenzas do TSXG "supoñen a paralización completa de todo o proxecto renovábel" no país e atribúenas a un contexto, o actual, no que "calquera proxecto industrial bate cunha conxuntura de incerteza, inseguridade xurídica e indefensión" derivada da "xudicialización masiva" de proxectos que contan coa declaración de impacto ambiental (DIA) e que, "aínda así", están a ser recorridas de maneira "absolutamente aleatoria" por plataformas "que se negan", din, "a calquera implantación [eólica] na Galiza".

Neste senso, poñen en cuestión que se recorran pola vía xudicial parques eólicos que obtiveron unha DIA favorábel da Xunta da Galiza, se ben non é a primeira vez que o alto tribunal galego anula unha decisión do Goberno de Rueda —ou, anteriormente, de Alberto Núñez Feixoo—. "É dificilmente defendíbel que todos os proxectos incumpren a normativa ambiental ou os seus estudos están mal feitos", razoa a Mesa das Renovábeis.

A entidade acusa tamén os xuíces galegos de non teren "en conta" nos procedementos xudiciais "os informes do funcionariado das distintas administracións", toda vez que, asegura, "si se toman en consideración informes particulares das asociacións" que ve "carentes de todo rigor".

Os últimos movementos do TSXG, estiman desde a Mesa, "poñen o sector en xaque durante un mínimo de dous anos, con todo o que iso conleva, un impacto de gran relevancia". O tribunal galego, tal e como informaba recentemente Nós Diario, deberá resolver nos próximos meses sobre a paralización dun total de 61 proxectos que suman arredor de 3.000 megawatts de potencia.

"Falamos duns 4.200 millóns de euros e máis de 4.000 empregos, ademais de toda a dinamización da contorna nun hábitat especialmente rural", conclúe. No tocante ao emprego, porén, este xornal apuntaba o pasado mes de febreiro que, con base na información recolleita no Informe Ardán, as 45 primeiras empresas eólicas con sede na Galiza só dan emprego a un total de 37 persoas.

Comentarios