O Parlamento Europeo aproba a Lei de Restauración da Natureza: estas son as obrigas que estabelece

A norma protexerá ríos, pasteiros, bosques e zonas húmidas.
Contaminación provocada pola mina de Touro no tramo medio do río Portapego (Foto: Nós Diario).
photo_camera Contaminación provocada pola mina de Touro no tramo medio do río Portapego (Foto: Nós Diario).

O Parlamento Europeo adoptou na sesión plenaria desta terza feira o acordo alcanzado cos Estados da Unión Europea (UE) sobre a Lei da Restauración da Natureza, a cal ten como obxectivo que sexan restauradas polo menos 20% das áreas terrestres e mariñas comunitarias para 2030, con vistas a cubrir a práctica totalidade dos ecosistemas actualmente degradados para 2050.

O texto, que debe ser referendado polos Estados da UE, aprobouse con 329 votos a favor, 275 en contra e 24 abstencións. Así, contou co apoio de socialistas, verdes e liberais, así como da esquerda, mentres que foi rexeitada polos populares.

A Lei de Restauración da Natureza busca rexenerar os ecosistemas degradados no territorio comunitario, contribuír a alcanzar os obxectivos climáticos e de biodiversidade e mellorar a seguridade alimentaria.

Deste modo, os Estados deberán restaurar polo menos 30% dos hábitats contemplados na lei, que inclúe bosques, pasteiros, zonas húmidas e ríos, para que pasen de estado deficiente a bo en 2030, priorizando as zonas da Rede Natura. A porcentaxe aumentará a 60% en 2040 e a 90% en 2050.

Ademais, cando unha área se atope en boas condicións, os Estados deberán velar por que non se deteriore de maneira considerábel e estabelecer plans de restauración que detallen como van alcanzar os obxectivos.

A Eurocámara tamén respaldou a directiva acordada cos Estados para ampliar a listaxe de delitos ambientais -que incluirá o comercio ilegal de madeira e o esgotamento dos recursos hídricos- e endurecer as sancións a individuos e empresas.

Así mesmo, a Cámara apoiou que se prohiba a exportación de residuos plásticos a Estados que estean fóra da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) e que os envíos dentro da mesma estean suxeitos a unhas condicións máis estritas.

Por outra parte, a Comisión Europea recomendou aos Estados da UE que manteñan a redución de 15% a demanda de gas comprometida o pasado ano.

Comentarios