18-F

Cales son as propostas dos partidos en termos de conservación da natureza? Greenpeace analiza os programas electorais

420.000 galegas e galegos aínda non decidiron o sentido do seu voto para o 18-F.

Parque Natural das dunas de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, en Ribeira (O Barbanza). (Foto: Greenpeace)
photo_camera Parque Natural das dunas de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, en Ribeira, no Barbanza. (Foto: Greenpeace)

Até un 19% do electorado galego aínda non decidiu o seu voto, segundo a enquisa do CIS publicada esta segunda feira, o que significa 420.000 persoas aínda non decidiron o seu sentido do voto. Colectivos e asociacións intentan na última semana de campaña axudar na escolla analizando os programas electorais das formacións políticas que concorren nestes comicios.

Este é o caso de Greenpeace, que nesta terza feira debullou os programas de PP, BNG e PSdeG en termos de conservación da natureza. Unha das “grandes materias pendentes” na Galiza, que, segundo afirman, “conta coa menor superficie de rede Natura” do Estado español, “con menos do 12%.

PP: Sen rede Natura

O programa electoral do partido que lidera Alfonso Rueda “non fala de rede Natura”. Propón, non obstante, crear unha reserva da biosfera no Parque Nacional das Illas Atlánticas, “que xa conta coa máxima protección”, afirma o colectivo ecoloxista.

Inclúe ademais a proposta de repoboar espazos naturais “con autóctonas” e aposta por “ampliar a validez das licenzas de caza”. “Moi pobre”: Esta é a valoración que fan desde Greenpeace do programa electoral do PP en materia ambiental.

BNG: Plans de ordenación e conservación

O programa do BNG recolle a ampliación da rede Natura até o 20% “e seguir máis adiante”, a elaboración de Plans de ordenación para cada espazo protexido e a creación de Parques Naturais no Pindo (en Carnota, comarca de Muros), Pena Trevinca (entre as comarcas de Terra de Trives, Viana e Valdeorras), Queixa-San Mamede (entre Allariz-Maceda, Terra de Caldelas, Terra de Trives e A Limia), Ancares e Courel (comarca de Quiroga), incluíndo as illas Sisargas no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Tamén inclúe a elaboración de Plans de conservacións de especies, a aprobación da Estratexia Galega para a Conectividade e a Restauración Ecolóxica, limitar o eucalipto e os cultivos enerxéticos, protexer humidais e adaptar a actividade forestal ao cambio climático. Para Greenpeace, o programa da formación que lidera Ana Pontón é “completo”.

PSdeG: Protección xenérica

Ao igual que o PP, os de José Ramón Gómez Besteiro tampouco trata a rede Natura. Segundo a análise realizada por Greenpeace, o PSdeG propón “protexer a paisaxe e a costa de maneira xenérica” e ampliar o número de Parques Naturais, pondo como exemplo o dos Montes do Gato, entre Aranga, Coiros e Oza-Cesuras (comarca das Mariñas).

A formación socialista inclúe tamén o “freo ao eucalipto e outras invasoras” e “priorizar especies autóctonas”. Con todo, a conclusión de Greenpeace a respecto do programa electoral do PSdeG é que é “escasiño”.

Conclusión de Greenpeace

“Revisados os programas dos tres principais partidos en termos de protección da natureza, o do BNG é o máis completo e o que mellor resposta a varias das urxencias que ten a Galiza neste eido”, conclúe a organización ecoloxista, que engade, ademais, que o do PSdeG é “escaso” e “moi mellorábel”, mentres que o do PP é “unha desfeita”.

Comentarios