Especial 25-X

O 'Nós Diario' vén con sorpresa este Día da Patria Galega!

Recibirás de balde xunto ao xornal o caderno especial sobre soberanía alimentar, coordinado polo economista Marcelino Fernández Mallo. E, aliás, as persoas subscritoras terán de agasallo a revista de pasatempos 'A formiga no carreiro', que poderá mercar o público en xeral nos quiosques do país a un prezo de 1,40 euros.

Capas do caderno especial polo Día da patria sobre soberanía alimentar e da revista de pasatempos 'A formiga no carreiro'.
photo_camera Capas do caderno especial polo Día da patria sobre soberanía alimentar e da revista de pasatempos 'A formiga no carreiro'.

Esta terza feira, 25 de xullo, Nós Diario quere celebrar o Día da Patria Galega con agasallos para as persoas lectoras. Así, xunto ao xornal de mañá atoparás o noso caderno especial de análise sobre soberanía alimentar, coordinado polo economista Marcelino Fernández Mallo e que conta coa participación de diferentes persoas especializadas na materia. Este suplemento entregarase de balde.

No primeiro dos artigos, o profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC David Soto afonda nos conceptos de soberanía alimentar e de autonomía desde a perspectiva do agroecoloxismo e afonda nos retos e nas oportunidades da transición agroecolóxica na Galiza. O profesor do Departamento de Bioloxía Funcional da USC Emilo V. Carral Vilariño céntrase na produción vexetal e animal. Expón que a maneira en que nos alimentamos e producimos son accións de grande importancia para a saúde do planeta e da comunidade humana.

O coordinador do caderno, Marcelino Fernández Mallo, tamén é o autor dunha das pezas, baixo o título “A carencia de alimentos en Galicia”, onde pon de manifesto que o abandono da actividade agraria chegou a valores extremos nas últimas décadas, o que supuxo un “raquítico nivel de cobertura” das necesidades alimentarias de produción vexetal. Ramiro Martínez Picos, presidente da Asociación Galega de Froitas Autóctonas, pon o foco, precisamente, nas as árbores froiteiras, “esas grandes ignoradas nas estatísticas do noso país” que sempre xogaron “un papel imprescindible na nosa soberanía alimentaria”.

Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, denuncia en “Os produtos da terra” que a perda da capacidade de produción de hortalizas, legumes e oleaxinosas “coloca o país en situación de extrema debilidade”. Os cereais como elemento esencial é onde pon o foco Gonzalo Flores-Calvete, xefe de Departamento de Pastos e Cultivos no Centro de Investigacións Agrarias de Abegondo (CIAM), quen explica que durante a maior parte da súa historia, Galiza produciu cereal “diverso e abundante”, mais “o devalo das últimas décadas supuxo unha perda do 60% da superficie dedicada”.

Os alimentos de orixe animal centran a colaboración de Ana Isabel García Arias, profesora do Departamento de Economía Aplicada da USC, que se refire ás acusacións á actividade gandeira “de ser unha das principais fontes de emisión de gases de efecto invernadoiro”.

A formiga no carreiro

E a partir desta terza feira, día 25, estará tamén dispoñíbel nos quiosques do país a revista de pasatempos A formiga no carreiro, coordinada por Xoán Costa e Xerardo R. Roca, responsábeis da sección de pasatempos de Nós Diario, e maquetada por Álex Rozados. Este primeiro número que sairá no verán contará cunha tiraxe de 3.000 exemplares.

A revista consta de numerosos encrucillados, sopas de letras e unha ampla selección dos mellores pasatempos ideados por Costa e Roca para o teu lecer durante os calorosos meses de xullo e agosto. Distribuirase esta terza feira de balde para persoas subscritoras de Nós Diario e tamén se ofrecerá nos quiosques ao público en xeral a un prezo de 1,40 euros.

Comentarios