ESPECIAL 25-X

Marcelino Fernández Mallo: "O feito na Galiza co eucalipto foi un disparate sen cualificativos"

O economista coordina o caderno especial que acompañará Nós Diario o próximo 25 de xullo, con motivo do Día da Patria Galega, e que afondará nos retos da soberanía alimentar.
O economista, analista e escritor Marcelino Fernández Mallo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O economista, analista e escritor Marcelino Fernández Mallo. (Foto: Nós Diario)

En primeiro lugar, cabe aclarar conceptos: cal é a diferencia entre soberanía alimentaria e autonomía alimentaria?

Soberanía significa que nós somos donos dos nosos recursos, das nosas terras, das nosas sementes, e que con esa propiedade imos ser quen de xerar unha suficiencia de provisión para cubrir as necesidades alimentarias. A autonomía alimentaria matiza algo ese concepto, incidindo en que temos que ser conscientes de que os mercados son abertos e que polo tanto a mellora da produtividade pode vir de varias vías, pois non hai ningún territorio capaz de cubrir todas as necesidades alimentarias.

Por que é tan importante ese concepto da soberanía alimentaria

É importante por dous motivos principais: un, é a cuestión que cada país, pobo, territorio, aproveite o potencial dos seus recursos, polo que é unha nefasta decisión estratéxica dar as costas aos teus recursos principais cando poden ser perfectamente competitivos. E, por outra banda, porque os acontecementos xeopolíticos e climáticos están prevendo e sinalando unha alerta enorme sobre un ben absolutamente esencial como é a alimentación. Temos risco de escaseza e de auxe de prezos que poden facelos non accesíbeis para moitas familias, polo que parece imprescindíbel poñer todo o énfase e toda a determinación en recuperar a capacidade de produción para a cobertura das nosas necesidades alimentarias.

Por que é tan importante neste contexto internacional convulso que pode deixarnos ás expensas de aumentos de prezos e escaseza a causa de pandemias, guerras...

Eses eventos van aumentar, ademais dos efectos do quecemento global, que vai traer aumentos das tensións na produción en moitos países e unha auxe do proteccionismo agrario que xa se está a dar nalgúns países de Asia. Quizais a xente non o perciba, pero existe. As políticas teñen que anticiparse aos riscos e evitar que cristalicen nun feito real como sería unha escaseza de alimentos. Para evitalo, precisamos conseguir unha produción local suficiente para atender polo menos unha certa proporción de consumo interno.

Falas de escaseza e de auxe de prezos. Non estamos, quizais, ante un escenario de profecía autocumprida cando vemos que, por exemplo e falando da Unión Europea, se están fomentando restricións á agricultura e á gandaría, os gobernos de varios países membros como Países Baixos promoveron o peche de granxas e explotacións...

Eu non o vexo tan así. Realmente non creo que se promova o feche das explotacións, senón a súa  transformación. Pensa que nas últimas décadas se viviron uns aumentos de produción e produtividade enormes, polas novas técnicas de explotación. Eu non creo que haxa vontade política ningunha de recortar produción. Si hai un xogo estratéxico por controlar a produción, que é distinto.

Desde a II GM a produción agraria propia vén sendo relegada, confiando o abastecemento aos mercados globais, sobre todo no contexto europeo. A soberanía alimentaria implica un retorno ao rural?

Si, supón un cambio de réxime produtivo absoluto. Hai, non obstante, que precisar que practicamente ninguén chegou aos niveis de abandono do agro que temos na Galiza. As cifras son arrepiantes. Temos unhas carencias estremas que non se ven noutros países de Europa, nin sequera no contexto español, somo un caso extremo, estamos moi por debaixo en todo o que ten que ver en produción para o consumo humano. Aquí o que fixemos foi plantar eucaliptos: a perda de superficie agraria practicamente coincide co que gañou a plantación de eucalipto, unha soa especie que non se dirixe ao consumo humano, senón a facer pasta de papel. O disparate non admite cualificativos.

[Podes ler a análise íntegra de Marcelino Fernández Mallo no caderno especial Día da Patria Galega que se distribuirá de balde xunto ao Nós Diario a próxima terza feira, 25 de xullo]

Comentarios