Especial 25-X

'Nós Diario' lanza o caderno especial Día da Patria Galega centrado na soberanía alimentar

Baixo a coordinación do economista Marcelino Fernández Mallo, o caderno especial que acompañará Nós Diario o próximo 25 de xullo, con motivo do Día da Patria Galega, afondará nos retos da soberanía alimentar.
Capa do especial que distribuirá 'Nós Diario' sobre soberanía alimentar o Día da Patria.
photo_camera Capa do especial que distribuirá 'Nós Diario' sobre soberanía alimentar o Día da Patria.

O próximo 25 de xullo, para celebrar o Día da Patria Galega, Nós Diario publica, de balde co xornal, un caderno especial de 32 páxinas sobre soberanía alimentar baixo a coordinación do economista Marcelino Fernández Mallo.

No primeiro dos artigos, o profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC David Soto afonda nos conceptos de soberanía alimentar e de autonomía desde a perspectiva do agroecoloxismo e afonda nos retos e nas oportunidades da transición agroecolóxica na Galiza.

Explica Soto que o concepto de soberanía alimentar “xorde por oposición ao avance do réxime agrario corporativo e pon o acento na autonomía dos produtores e consumidores locais para organizar o seu modelo produtivo”. Esta proposta, agrega, “conflúe nos últimos anos cos movementos agroecolóxicos na construción dunha proposta de sistema agroalimentario alternativo”. “A Galiza conta con condicións favorábeis para este cambio pero está lonxe de acadar un desenvolvemento significativo na dirección da transición agroecolóxica”, acrecenta.

O profesor do Departamento de Bioloxía Funcional da USC Emilo V. Carral Vilariño céntrase na produción vexetal e animal. Expón que a maneira en que nos alimentamos e producimos son accións de grande importancia para a saúde do planeta e da comunidade humana. No seu artigo, explica a relación entre a deforestación e o modelo de consumo actual e ofrece datos de interese como o feito de que Indicación Xeográfica Protexida IXP ‘Pan Galego’ permite que 75% do trigo sexa de fóra da Galiza.

O coordinador do caderno, Marcelino Fernández Mallo, tamén é o autor dunha das pezas, baixo o título “A carencia de alimentos en Galicia”, onde pon de manifesto que o abandono da actividade agraria chegou a valores extremos nas últimas décadas, o que supuxo un “raquítico nivel de cobertura” das necesidades alimentarias de produción vexetal. “A dependencia exterior respecto a cereais, hortalizas, legumes, froitas, froitos secos ou aceite significa, ademais dun lastre para a nosa economía, quedar a expensas dos países produtores e dos mercados globais”, salienta.

Ramiro Martínez Picos, presidente da Asociación Galega de Froitas Autóctonas, pon o foco, precisamente, nas as árbores froiteiras, “esas grandes ignoradas nas estatísticas do noso país” que sempre xogaron “un papel imprescindible na nosa soberanía alimentaria”.

No artigo relata que a dificultade de asignar un valor económico á froita que se produce na Galiza “porque apenas entra nas canles de comercialización habituais”. “Calquera que posúa froiteiras na casa e aproveita o que elas nos dan sabe ben canto supón de aforro na economía familiar, e tamén por extensión podería supoñer un aforro enorme nas importacións de froita de Galiza”, engade. Martínez Picos advirte de que “mentres todo tipo de froitos se estragan polas cunetas das nosas aldeas, a maioría dos que comemos proceden de fóra”.

Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, denuncia en “Os produtos da terra” que a perda da capacidade de produción de hortalizas, legumes e oleaxinosas “coloca o país en situación de extrema debilidade”. “As políticas públicas deben considerar un obxectivo principal a mobilización das terras necesarias para recuperar esa produción e para iso han artellar unha estratexia de apoio ás persoas labregas e de investimento nas infraestruturas e solucións necesarias”, defende. 

Na mesma liña, apela a promover “proxectos agroecolóxicos que garantan unha produción hortícola local abonda para cubrir as necesidades de consumo das galegas e galegos”.

Os cereais como elemento esencial é onde pon o foco Gonzalo Flores-Calvete, xefe de Departamento de Pastos e Cultivos no Centro de Investigacións Agrarias de Abegondo (CIAM), quen explica que durante a maior parte da súa historia, Galiza produciu cereal “diverso e abundante”, mais “o devalo das últimas décadas supuxo unha perda do 60% da superficie dedicada”. “Como consecuencia, Galiza padece unha elevadísima dependencia da importación de cereais”, acrecenta.

O especialista aposta por unha nova ordenación dos usos do solo e unha nova política adaptada ás necesidades reais do agro galego.

Os alimentos de orixe animal centran a colaboración de Ana Isabel García Arias, profesora do Departamento de Economía Aplicada da USC, que se refire ás acusacións á actividade gandeira “de ser unha das principais fontes de emisión de gases de efecto invernadoiro”. Un extremo ao que se engaden “as tendencias alimentarias que denuncian o exceso de consumo de carne nas sociedades actuais por insostibles”.

A profesora pon de manifesto que a gandería galega “é a base da nosa economía agraria e ademais conforma paisaxes e agroecosistemas”. “Debemos considerar os sistemas alimentarios no seu conxunto, diferenciando entre formas máis ou menos industrializadas de produción, para ver efectos diferentes sobre a súa sustentabilidade económica, social e ambiental”, salienta.

Comentarios