ECONOMÍA

Novo récord do prezo da electricidade para fechar agosto, o mes máis caro da historia

Novo récord do prezo da electricidade para fechar agosto, o mes máis caro da historia

O prezo medio diario da electricidade no mercado almacenista dispárase esta terza feira até unha nova marca histórica. Alcanzará os 130,5 euros por megawatt (MWh). Nunha semana, encareceuse 31%. 
A escalada do prezo da electricidade sitúa agosto como o mes máis caro da historia. (Foto: Jesús Hollín / Europa Press).
photo_camera A escalada do prezo da electricidade sitúa agosto como o mes máis caro da historia. (Foto: Jesús Hollín / Europa Press).

O prezo medio diario da electricidade no mercado almacenista dispararase esta terza feira até os 130,53 euros por megawatt (MWh), despois de marcar esta segunda feira o prezo máis alto de toda a serie histórica.

A semana arrancou cunha suba de dous euros a respecto do último máximo rexistrado a pasada quinta feira. Dos 122,76 euros/MWh do 26 de agosto, o prezo medio diario da electricidade no mercado almacenista disparouse esta segunda feira até os 124,45 euros/MWh, unha marca que se volverá superar en só 24 horas.

Así, os 130,53 euros por megawatt que alcanzará esta terza feira será un 4,9% superior ao desta segunda e un 210,7% máis alto que o rexistrado o mesmo día do ano pasado. En 12 meses a electricidade triplicou o seu prezo.

O usuario medio pagará 27,85 euros máis que en agosto de 2020

Mais só no mes de agosto bateu un récord tras outro. Nunha semana, o prezo disparouse 30,8% até situar o custo medio na contorna dos 106 euros/MWh.

É a cifra que sitúa agosto como o mes máis caro da historia, tras o de xullo, que xa marcou o seu propio récord cun prezo medio de 92,4 euros. Dun mes a outro, o prezo da luz encareceuse ata un 15%.

Así, esta terza feira, o prezo máximo rexistrarase entre as 21 e as 22 horas ao alcanzar os 137,46 euros, mentres que o mínimo darase entre as 16 e as 17 horas, ao caer até os 123,35 euros.

Récord tras récord

Do 9 ao 13 de agosto marcou unha cifra máxima tras outra. Esta semana mesmo está a superar os rexistros de hai dúas, cando se deu a maior onda de calor deste verán. Ademais, entre a pasada cuarta e sexta feira, bateu tres dos cinco máximos diarios da serie histórica.

Esta espiral alcista centrou o debate político en como abaratar o prezo da electricidade. De feito, o Goberno abriu a porta para crear unha empresa pública enerxética como veñen reclamando desde distintos sectores.

As subas continuas no pool eléctrico está marcado polo incremento nos prezos dos dereitos de CO2 e do gas, aos que se uniu o incremento da demanda polas altas temperaturas e unha menor contribución das renovábeis, especialmente a eólica pola ausencia de vento.

A factura máis cara

A factura da luz dun usuario medio en agosto será "a máis cara da historia", cun encarecemento na primeira quincena de 43,7% con respecto ao mesmo período do ano pasado, segundo datos de Facua-Consumidores en Acción.

Até a data, os cinco recibos máis elevados foron os 88,66 euros do primeiro trimestre de 2012 (co IVE a 18%), os 87,81 euros de xaneiro de 2017, os 85,34 de xullo de 2021, os 83,55 euros de setembro de 2018 e os 82,13 euros de maio de 2021 (en todos os casos co IVE a 21%), segundo datos da asociación.

Coas tarifas aplicadas do 1 ao 15 de agosto, o usuario medio pagará 27,85 euros máis que en agosto de 2020, cando a factura se situou en 63,77 euros. A baixada do IVE a 10% ata decembro mentres o prezo medio do megawatt hora estea por encima dos 45 euros amortece a suba en 9,16 euros. De se seguir aplicando 21%, o recibo alcanzaría os 100,78 euros.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios