Expertos apostan por unha compañía eléctrica pública para baixar o prezo da luz

Galiza é unha grande produtora enerxética porén rexistra unha das facturas eléctricas máis altas de Europa. Sen ir máis lonxe, os cidadáns portugueses, que partillan un mercado eléctrico único co Estado español, pagan un recibo máis baixo. Analizamos con diferentes expertos alternativas aos actuais prezos da luz.
O prezo da luz abeira un novo record.

O prezo da luz marca o ritmo da actualidade. Diante do malestar existente pola escalada da factura eléctrica nas últimas semanas a propia ministra de Transición Enerxética, Teresa Ribera veuse obrigada a comparecer, a quinta feira, para recoñecer os problemas do actual modelo eléctrico estatal, abrindo a porta a novas medidas que alivien a escalada de prezos. Neste sentido, criticou o sistema marxinalista vixente na Unión Europea, denunciou a negativa das autoridades comunitarias a súa reforma e estableceu a posibilidade de crear “unha empresa pública”, “que permita intervir ou facilitar outra maneira de ofertar enerxía” e “poida dispor de toda a enerxía hidroeléctrica a través dun sistema concesional, segundo se vaian liberando as concesións hidroeléctricas”.

‘A electricidade é un ben básico’

A creación dunha empresa pública que opere no mercado eléctrico para reducir a factura é defendida de vello por Fernando Branco Parga. Tanto é así, que en outubro en 2019, na súa condición de secretario da sección de enerxía da Confederación Intersindical Galega (CIG) defendeu no Parlamento da Galiza unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP), rexeitada polo PP, onde reclamou a proposta que agora defende Ribera. Branco, considera que “debemos entender que a electricidade é un ben básico e polo tanto debe haber unha empresa pública operando no sistema eléctrico para que non sexa un negocio de tres especuladores” e pon o exemplo de EDF en Francia, Enel, propietaria de Endesa, en Italia ou Statkraf en Noruega, “todas elas compañías enerxéticas de titularidade estatal”.

Branco urxe “unha reforma do marco de regulación do sistema eléctrico”. “As centrais de produción deben cobrar con prezos recoñecidos e non se poden trasladar os prezos do mercado hora a hora, un caso único en Europa e que explica as diferenzas na factura con Portugal malia  partillar o mesmo mercado eléctrico”, sinala Branco a Nós Diario, mentres critica a reforma lexislativa aprobada polo ministro de Raxoi, José Manuel Soria en 2013, situándoa como unha das causas da situación actual.  

O consultor enerxético, Xosé Manuel Golpe Acuña aposta por aproveitar as posibilidades legais do marco actual e sinala a Nós Diario que “cómpre revisar a fiscalidade”. “Aínda queda moito por facer neste campo, xa que nas peaxes seguen recollendo as primas ás enerxías renovábeis ou a metade do fondo de solidariedade interterritorial, un mecanismo para financiar parte da luz aos residentes en Canarias, Ceuta, Melilla e as Illes Balears”, destaca Golpe, quen asevera que “non estamos inventando nada novo porque estas alternativas xa funcionan noutros Estados da Unión Europea”.

‘Unha reforma integral do sistema eléctrico’

Golpe aposta “por unha reforma integral do sistema eléctrico”. “A Unión Europea continúa co mantra de que o modelo marxinalista funciona, pero isto só é así onde hai competencia entre os xeradores, algo que non acontece no Estado español, onde o mercado segue en mans dos mesmos que o controlan desde hai 40 anos”, destaca Golpe, quen denuncia “pactos entre as propias empresas para fixar os prezos”. “Non hai competencia”, afirma Golpe, “hai un acordo tácito entre elas para subir e baixar o prezo cando interesa”. Porén, tamén ve marxe para actuar sobre o mercado mediante o modelo de acordos bilaterais entre produtores e consumidores, “algo que no Estado español está reservado para as empresas grandes consumidoras pero que noutros Estados está aberto a  particulares”.

O profesor de economía da Universidade de Santiago de Compostela e autor de diversas investigacións sobre o funcionamento do sector enerxético, Adrián Dios coincide con Branco e Golpe na necesidade de “reformar o mercado eléctrico para que ningunha empresa poida fixar prezos”. “O mercado eléctrico funciona de xeito bastante diferente nos diversos Estados da Unión Europea”, comenta a Nós Diario Dios, quen denuncia que “o modelo español favorece que as empresas fixen os prezos” e critica que “manipular os prezos é moi doado co modelo español, tal é como se pode comprobar coas sancións que veñen impoñendo ano tras ano ás compañías eléctricas por alteralos”.

Dios considera fundamental a presenza de “empresas públicas para evitar que a fixación dos prezos da luz fique en mans do oligopolio”. “Se tiveramos unha empresa pública tiraría dos prezos para baixo nas poxas e sería un factor chave para contar cunha tarifa axeitada ás necesidades de usuarios e empresas”, conclúe Dios. Nesta liña, entende que “a alza dos prezos non responde a ningunha lóxica de mercado, porque no mes de agosto baixa a actividade económica, senón á presión do oligopolio eléctrico por controlar o mercado”.

A anomalía española

A ausencia dunha compañía enerxética de capital público dificulta a capacidade de resposta do Estado diante da escalada do prezo da luz. Neste sentido, as declaracións da propia ministra de Transición Enerxética, Teresa Ribera abrindo a porta a pór en marcha un operador público que actúe no mercado eléctrico veñen dar a razóns a aqueles expertos, como os contactados por Nós Diario, que defenden esta alternativa desde hai anos.

O Estado español é unha anomalía no escenario internacional. Así, o Goberno francés é titular de 83,65% do capital de Electricidade de Francia (EDF), a maior empresa pública da Unión Europea, criada en 1946 tras a nacionalización polo Executivo de Charles de Gaulle das compañías eléctricas. Outro tanto acontece con Enel, participada de xeito maioritario polo Goberno italiano, propietaria de Endesa e presente no mercado eléctrico de máis de 25 Estados.

Comentarios