O Consello de Ministras aprobará na terza feira unha nova tarifa da luz

Consumo rexistrou 13.500 solicitudes de arbitraxe en 2022 na Galiza.
A vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, esta quinta feira 8 de xuño. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera A vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, esta quinta feira 8 de xuño. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

O Consello de Ministras e Ministros da vindeira semana aprobará a reforma da tarifa regulada da luz, o denominado Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor (PVPC), segundo confirmou esta quinta feira a vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera.

A ministra sinalou que a reforma da tarifa regulada da luz que aprobará o Executivo estatal estará "en liña" co documento que se lanzou a información pública polo Ministerio e as recomendacións de mellora que recibiron da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).

Trátase dunha modificación que, segundo Ribera, busca desligar a cantidade que pagan os consumidores e as consumidoras pola enerxía da "volatilidade" á que está exposto o seu prezo.

A reforma aplicarase de maneira gradual a partir de 2024 para que as operadoras do sistema teñan un tempo prudencial para ir adaptándose a estes cambios. Así, o novo PVPC deixará de estar ligado por completo ao prezo do mercado diario e incorporará paulatinamente referencias dos mercados de futuros. Isto é, o peso dos prezos do mercado de futuros en 2023 será de 25%, en 2024, de 40%, e 55% final alcanzarase en 2025.

13.500 solicitudes de arbitraxe

Por outra parte, o Ministerio de Consumo fixo públicos esta quinta feira os datos relativos ao Sistema Arbitral de Consumo, que media entre as persoas consumidoras e as empresas que non alcanzaron un acordo despois dunha reclamación. Segundo Consumo, no ano 2022, recibíronse na Galiza arredor de 13.500 solicitudes de arbitraxe. Destas, 90% resolvéronse de maneira satisfactoria para as persoas consumidoras.

Comentarios