O PP rexeita que a Galiza sexa compensada por ser produtora de enerxía

Un de cada catro xigavatios hora que se producen no Estado español é de  orixe galega

 

Parque eólico de Greenalia. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Parque eólico de Greenalia. (Foto: Nós Diario)

A proposición non de lei presentada polo BNG  e que solicitaba que a Galiza "sexa compensada polo seu papel produtor" de enerxía vai camiño de caer en saco roto. Á espera da votación de hoxe en pleno, os argumentos esgrimidos onte na Cámara polas diferentes formacións indican que o que si semella posíbel en Aragón —onde o seu presidente, Javier Lambán, anunciou recentemente a adopción de medidas cara a unha tarifa eléctrica de seu— na Galiza, non.

A deputada do BNG Noa Presas incidiu no papel da Galiza como "produtora excedentaria neta de enxería" e lembrou que en 2021 exportou 27% da electricidade. "Somos solidarios con outros territorios", apuntou a parlamentaria nacionalista, mais afirmou que unha cousa é "a solidariedade" e outra o "colonialismo" de que a Galiza produza para beneficiar a outros. "Temos que ser compensados", engadiu, "esta produción ten que repercutir nos galegos e galegas" e citou o exemplo de Aragón.

Eólicos

Begoña Rodríguez Rumbo, PSdeG, defendeu a importancia das medidas adoptadas polo Goberno español durante estes meses de crise, citando expresamente o tope ibérico para o gas, e os seus beneficios para "familias e empresas".

A deputada socialista cargou contra o PP por, dixo, "carecer durante estes 14 anos" dun modelo enerxético e puxo como exemplo que a Xunta non foi quen de ter "un plan eólico adecuado á realidade".

"Confrontación"

Pola súa parte, Marta Novoa (PP) acusou o BNG de "procurar a confrontación" con esta proposición non de lei e de "copiar a Javier Lambán" cando lle "convén". Neste punto, a deputada popular afirmou que a Xunta da Galiza non "acepta leccións nin do BNG nin de Aragón".

Comentarios