NCG mantén o guión dun ERE que despedirá a un de cada catro traballadores

A primeira xuntanza entre NCG Banco e sindicatos finalizou sen avances. A dirección mantén firme a súa intención de levar adiante 2.500 despedimentos. Os sindicatos consideran a medida desproporcionada
NGB

A primeira xuntanza entre a dirección de NCG banco e os sindicatos para abordar o duro proceso de reestructuración da entidade marcado por Bruxelas e Madrid  finalizou, após catro horas de reunión, sen que sequer houbese unha mínima negociación. NCG limitouse a entregar documentación aos representanets dos traballadores, levantar acta e falar da composición da mesa de negociación.

Os diferentes sindicatos coinciden en sinalar que nesta primeira xuntanza "o que é negociación, non houbo", e consideran que a entidade ten unha escasa vontade de diálogo. Algo "grave" cando sobre a mesa hai o despedimento dun de cada catro traballadores do grupo.

"A dirección da empresa demostra unha vez máis a súa intransixencia e que o quere é despedir barato e canto antes. Non hai posibilidade ningunha de negociación, toda vez que a dirección ten estabelecida unha folla de ruta que parece inmóbil, pero que imos tirar a base de mobilizacións con paros, folgas e todas as medidas que fagan falta”, tense sinalado desde a CIG a comezos desta mesma semana por boca do seu responsábel, Clodo Montero.

Recurso á xustiza

Os sindicatos ven máis que difícil chegar a un acordo sobre o ERE e non descartan recurrir á xustiza para evitar o expediente de regulación de emprego. 

O vindeiro día 21 está convocado un paro de 12:00 a 12:30 horas, coincidindo coa recadación do IVE. “Pensamos que é un bo día para demostrarlle a administración estatal (verdadeira propietaria da entidade galega) que se non quere negociar, terá que asumir as consecuencias”, sinalaba o responsábel de CIG-Banca. Xunto a isto, as organizacións sindicais contemplan paros e folgas que se irán facendo públicos segundo vaia evolucionando a situación e a propia negociación.

Comentarios