Naval de Ferrol envía unha mensaxe aos gobernos galego e español: “Non nos veñades con contos”

Catro mil operari@s das factorías de Ferrol e Fene e de industrias auxiliares protagonizan unha combativa xornada de mobilizacións en defensa de carga de traballo para o sector
As protestas do Naval chegaron ás administracións
photo_camera As protestas do Naval chegaron ás administracións

“Que non nos veñan con contos nin a contar o que non é”. Así resumían os representantes do comité de Navantia a mensaxe aos gobernos galego e español que transladaban os 4.000 obreir@s dos estaleiros de Ferrol e Fene que, máis unha vez, saíron á rúa para exixir carga de traballo para estas factorías. Foi unha mobilización, outra vez, multitudinaria, mais cunha combatividade maior, mostra de que os ánimos están ao límite entre o cadro de persoal. Mil despedimentos nestes meses mostran a intensidade da crise que atravesa este sector que, entre empregos directos e indirectos, move uns 17.000 postos.

"O PP ten cartos para Bankia mais non para Navantia"

As e os traballadores percorreron as principais arterias da cidade para exixir carga de traballo e denunciar que "o PP ten cartos para Bankia mais non para Navantia". A Policía Local fixo acto de presenza para regular o tráfico, colpasado en diversas zonas (avenidas de Esteiro e Vigo, por exemplo).

Tamén houbo tensión fronte a edificios oficiais e oficinas de emprego, e anuncios de que volverán á rúa se non hai solucións. A vindeira cita é o 10 de xuño, nunha manifestación comarcal na defensa do sector naval.

“Enganados”

Desde a representación do cadro de persoal incídese na sensación de “engano” que senten @s operari@s. Desconfían da promesa de carga de traballo que a Xunta lles anunciou da man de Pemex. E exixen solucións. “Ou nos dan o dique flotante, para ter carga de traballo, ou nós imos darlle guerra”, sinalaba un traballador de Navantia.

"A xente está desbordada. Sabe que vai para o paro"

“A xente está desbordada, sabe que vai para o paro e como non haxa unha decisión inmediata do Partido Popular, esta situación non terá remedio”, alertaba Manel Grandal, da Sección Sindical da CIG en Navantia, ao remate da protesta.

Neste sentido, o representante sindical subliñaba que no marco dunha gravísima crise, o sector naval da ría non pode agardar até finais de ano para saber se terá novos encargos. “Ademais, non vale falar dun buque militar, porque iso suporía esperar un par de anos para comezar os traballos. Ou os gobernos do PP deciden politicamente construír o dique ou senón aquí os traballadores e traballadoras das auxiliares se van á rúa no verán”.

Comentarios