Arrinca a "reunión histórica" do Ecofin en Santiago con Nadia Calviño como protagonista

A ministra española de Asuntos Económicos buscará na xuntanza cos seus homólogos europeos obter os apoios necesarios para presidir o Banco Europeo de Investimentos (BEI). Portugal, Francia e Alemaña preséntanse como aliados nesta cerna.
A ministra de Economía e vicepresidenta primeira do Goberno español, Nadia Calviño, hoxe, na reunión do Ecofin en Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera A ministra de Economía e vicepresidenta primeira do Goberno español, Nadia Calviño, hoxe, na reunión do Ecofin en Santiago. (Foto: Arxina)

A vicepresidenta primeira do Goberno español e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital en funcións, Nadia Calviño, cualificou de "histórica" a reunión informal do Ecofin que arrinca esta sexta feira en Santiago de Compostela e que, por vez primeira, incluirá os ministros e ministras de Finanzas non só da Unión Europea, senón tamén de América Latina e o Caribe. "O obxectivo non é outro que profundar na nosa alianza estratéxica, unha alianza que cobra un sentido especial no actual contexto xeopolítico mundial", sinalou Calviño, en declaracións aos medios á Cidade da Cultura, onde decorre o encontro.

En total, acoden a Santiago 60 titulares das carteiras de Economía e Financias (Ecofin), cuxos países, en conxunto, representan máis de 14% da poboación mundial e até 21% do PIB mundial. O Estado español, que ocupa este semestre a Presidencia de quenda da UE, considera que a profundización da cooperación cos países de América Latina e o Caribe ten que ser "unha prioridade" do espazo comunitario. Esta sexta está convocada a reunión do Eurogrupo e, despois, haberá un encontro dos ministros de Facenda europeos e de América Latina e o Caribe, onde se abordará a proposta de investimentos por 45.000 millóns na rexión de América do Sur comprometida pola UE.

Este programa de investimentos, coñecido tamén como a iniciativa Global Gateway da Unión Europea, inclúe nove proxectos de investimento nesta rexión que se traduce nun aumento de 20% a respecto do investimento medio da UE no territorio, e sitúa á Unión como o primeiro investidor en América do Sur, con contías que representan 20 veces as achegadas pola China. O que se pretende esta sexta feira na reunión é validar eses nove proxectos emblemáticos que abranguen a protección do Amazonas, a minería sostíbel en México, o transporte sostíbel en Costa Rica ou a liña 2 de metro de Bogotá (Colombia). "Trátase de investimentos en infraestruturas verdes e dixitais que son claves para impulsar un desenvolvemento sostíbel en América Latina e o Caribe", celebrou a vicepresidenta.

O segundo tema que se abordará hoxe buscará reforzar a capacidade de actuación das institucións financeiras multilaterais e os bancos de desenvolvemento. "Trátase de como podemos reforzar a nosa rede de seguridade e estabilidade financeira global a presenza das principais institucións financeiras multilaterais", explicou Calviño. O Goberno español, por outra parte, proporá un "calendario ambicioso" sobre a reforma das regras fiscais europeas, co obxectivo de alcanzar un acordo antes de final de ano baixo a Presidencia española da UE. O obxectivo, dixo Calviño, é ter cando antes un novo marco de regras fiscais que permita dispor aos países de sendas estábeis e graduais de redución da débeda pública que garantan a estabilidade fiscal e financeira a longo prazo e que, ao mesmo tempo, dean un marco para os investimentos.

Este sábado haberá tamén un almorzo entre ministros e ministras da UE no que se prevé a discusión ao redor de dous grandes ámbitos. En primeiro lugar, a vicepresidenta primeira fará un repaso do estado actual de situación do expediente sobre regras fiscais. E alén deste punto, farase un repaso á situación económica e perspectivas que incluirá unha intervención inicial do presidente do Eurogrupo, onde resumirá a discusión de hoxe no marco do Eurogrupo.

As candidaturas ao BEI, unha das chaves do encontro

Tamén haberá un "punto de información" sobre as candidaturas á Presidencia do Banco Europeo de Investimentos (BEI), posto ao que optan tanto a propia Nadia Calviño como outros titulares presentes esta fin de semana en Santiago, entre eles e elas a ex vicepresidenta executiva da Comisión Europea responsábel de Competencia, a liberal dinamarquesa Margrethe Vestager.

A ministra española recoñeceu que a cimeira do Ecofin pode "levar a conversas" ao respecto, se ben non tomará a iniciativa. "Persoalmente, eu non vou abordar esta cuestión porque non me parece que sexa adecuado. Non me parecería adecuado tendo en conta que presido estas reunións do Ecofin informal e que estamos no Estado español, e na miña terra, na Galiza, aquí, en Santiago de Compostela", defendeu. Calviño agradeceu, iso si, o "apoio decidido" que o Goberno portugués ofreceu á súa candidatura ao Banco Europeo de Investimentos, que reflicte "o aliñamento absoluto de posturas entre os dous gobernos en materias europeas".

O apoio podería chegar tamén de Francia, cuxo ministro de Economía e Finanzas, Bruno Le Maire, recoñeceu hoxe que Calviño ten "todas as habilidades necesarias" para presidir o BEI, aínda que evitou comprometer o seu apoio a ningunha das candidaturas. "Creo firmemente que ten todas as habilidades necesarias, pero temos que falar entre todos os ministros para tomar unha decisión final", precisou o ministro. E na mesma liña apuntou o ministro alemán do ramo, Christian Lindner, quen "aprecia" o traballo de Calviño aínda que o perfil das e dos demais aspirantes sexa igualmente "impresionante".

Pola súa parte, o ministro de Finanzas belga, Vincent Van Peteghem, en calidade de presidente do Consello de Gobernadores do BEI, avogou por "non forzar o proceso", xa que continúa o período de consultas para elixir o candidato "máis consensuado", aínda que non cre chegar aínda a este punto. Mais si garantiu que tentará avanzar "o máis rápido posíbel", porque "cando antes atopemos ese candidato, mellor", sinalou o belga, que aproveitará a cita de Santiago para tratar o asunto cos seus colegas.

O último punto da sesión do Ecofin, este sábado, está relacionado cunha discusión sobre a seguridade económica e os bens públicos europeos, polo que temas recorrentes neste tipo de encontros como é a fiscalidade das multinacionais quedará fóra dos debates nesta ocasión.

Comentarios