Sanmartín denuncia o espolio eólico da Galiza na recepción dos membros do Ecofin

Compostela acolle na sexta feira e o sábado a reunión informal de ministras e ministros de Economía e Finanzas (Ecofin) da Unión Europea, que contará coa presenza de autoridades de 60 Estados, tanto da UE como de América Latina e os do Caribe. Precisamente, os actos previos á inauguración do Consello de Asuntos Económicos e Financeiros marcaron a actualidade económica da quinta feira na Galiza.

Goretti Sanmartín, durante a recepeción aos ministros do Ecofin, sendo escoitada por Nadia Calviño e Alfonso Rueda. (Imaxe: Concello de Santiago)
photo_camera Goretti Sanmartín, durante a recepeción aos ministros do Ecofin, sendo escoitada por Nadia Calviño e Alfonso Rueda. (Imaxe: Concello de Santiago)

A xornada deu abeiro a varias actividades organizadas polo sector bancario e as cooperativas de crédito. Se a primeira contou coa participación do presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, e da ministra de Economía do Goberno español, Nadia Calviño, a segunda tivo como entidade anfitrioa a Caixa Rural Galega. Concretamente, en representación da mesma participaron no encontro Manuel Varela e Jesús Méndez.

Por outra parte, a Plataforma por Empresas Responsábeis (PER) aproveitou a organización do cumio para convocar unhas xornadas paralelas, abertas pola concelleira compostelá de Promoción Económica, María Rozas, coa participación de ducias de relatoras e que rematou cun acto reivindicativo nas rúas de Compostela, onde instalaron unha escultura para reclamar unha economía sustentábel.

Nunha Praza do Obradoiro cun amplo dispositivo policial -rodeada de furgonetas da Policía Nacional, decenas de axentes, helicóptero e un dron sobre a Catedral-, ás 20 horas chegou a delegación de asistentes ao Pazo de Raxoi, sede do Concello. Alén da alcaldesa, Goretti Sanmartín, e o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, os grupos con representación municipal; o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices; o arcebispo de Santiago, Francisco Xosé Prieto; e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, foron algúns dos asistentes á recepción.

Goretti Sanmartín denuncia a burbulla eólica

No seu discurso durante a recepción oficial das ministras e ministros, Sanmartín denunciou que “en nome da transición verde e enerxética, planifícase a instalación e explotación de novos parques eólicos, cando exportamos máis do 40% da enerxía eléctrica que producimos”. Na mesma dirección, advertiu de que “o noso territorio avanza aceleradamente no monocultivo do eucalipto para satisfacer as necesidades industriais”.

Criticou que “os sectores produtivos vinculados á terra e ao mar ceden espazo fronte a un modelo económico cada día máis terciarizado, con consecuencias demográficas e de equilibrio territorial moi relevantes” e que “o rendemento económico, o diñeiro, en definitiva, prima sobre cuestións de vital importancia como a preservación da biodiversidade, do patrimonio natural e cultural ou dos modelos de asentamento da poboación”.

Conceptos como 'crecemento sustentábel' non poden deturparse

A rexedora lembrou que “as grandes decisións económicas e as regras fiscais que se estabelezan atinxen á nosa supervivencia cultural e natural e á vida da nosa xente”. Na mesma dirección, alertou de que conceptos como “crecemento sustentábel”, “eficiencia” ou “emerxencia climática” non poden deturparse e deben ser tratados con responsabilidade para aseguraren o futuro do planeta”.

Compostela, ateigada

 

En total, está previsto que participen unhas 1.600 persoas no Ecofin, nun encontro con ao redor de 100 delegacións e uns 350 medios de comunicación confirmados. Os prezos avultados das pernoctas nos hoteis da cidade xa dan conta da gran demanda de aloxamento para esta fin de semana na capital galega, que está tomada por membros dos corpos e forzas de seguridade do Estado.

Comentarios