Perdiches cartos coa pulseira 'cashless' nun festival? O seu uso "abusivo" recibe as primeiras sancións

Facua ve "ridículas" as multas de 7.500 impostas pola Xunta da Galiza.
#lecer #lecernocturno #lecer_nocturno #discoteca #alcol #festival #festa #submisión_química (Foto: Nós Diario)
photo_camera O Ministerio de Consumo abriu o pasado verán o primeiro expediente sancionador a un festival polo uso abusivo do sistema 'cashless'. (Foto: Nós Diario)

A proposta de sanción do Instituto Galego de Consumo (IGC) aos festivais por ficaren, de forma ilícita, con ducias de miles de euros das pulseiras cashless ascende a só 7.500 euros, unha cantidade que desde Facua-Consumidores en Acción cualifican de "ridícula".

A asociación denunciou os promotores de dous festivais, Old Navy Port Producciones e Bring the Noise, tras comprobar que nas súas páxinas web informaban de un euro por "gastos de xestión" a todos os usuarios  e usuarias que solicitaban a devolución dos cartos inseridos na pulseira e que non consumiran durante o evento.

Ademais, impuñan o uso deste método de pagamento en todo o recinto dos festivais e prohibían o pago en efectivo. Tras as denuncias, desde o Instituto Galego de Consumo anunciaron a apertura dun expediente sancionador, coa proposta de multa de 7.500 euros.

Facua critica a "tibieza" das autoridades de consumo galegas ante "estas graves irregularidades" e sinala que a imposición de multas tan baixas non ten efecto disuasorio, xa que ás empresas lles resulta máis beneficioso cometer as infraccións e pagar posteriormente a multa.

Segundo recolleron os medios de comunicación, sinala Facua, ao Resurrection Fest acudiron máis de 132.000 persoas, mentres que no Caudal Fest houbo 33.000 asistentes. Desta forma, se tan só a cuarta parte de asistentes solicitase o reembolso -e, por tanto, se lles cobrase o euro extra-, o primeiro festival gañaría perto de 33.000 euros ilicitamente, mentres que o segundo obtería uns 8.200 euros. A asociación insiste na necesidade de revisar a normativa para protexer as persoas consumidoras.

Comentarios