Mar Pérez Fra, profesora de economía aplicada na USC: "O baleirado do rural é un síntoma, non un problema"

Os espazos rurais son pezas chave na economía de proximidade, unha temática que esta semana centrou un seminario da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) decorrido na Coruña. A profesora de Economía Aplicada da USC Mar Pérez Fra foi unha das persoas expertas participantes.
A profesora de Economía Aplicada da USC, María do Mar Pérez Fra.
photo_camera A profesora de Economía Aplicada da USC, María do Mar Pérez Fra.

O rural galego padece certa situación de abandono. Preocúpalle que isto poida condenarnos ao desabastecemento, como temen algunhas persoas?

Como consumidora local, a min o desabastecemento preocúpame pouco. Toda esta xente que está agora tan preocupada sobre este tema igual o que tiña é que reflexionar sobre o que compra. En alimentación somos un gran produtor agrario. Hai unha parte da produción agraria á que lle podemos dar saída dese o punto de vista local, en circuítos curtos e comarcais. Existe unha potencialidade enorme para iso. De nós depende, tanto como consumidoras como desde a Administración, dando pasos para que isto sexa posíbel. Pero tamén é certo que hai unha parte da nosa produción para a que temos que buscar saída fóra, como é o caso do leite. O que temos é que traballar con eses dous planos e buscar solucións.

Esas solucións das que fala pasan necesariamente por un cambio de modelo?

A taxa de cobertura de alimentos, a diferenza entre o que exportamos e importamos, é deficitaria para a Galiza. Se importamos máis produtos dos que exportamos é polo modelo de produción agrario: exportamos leite, importamos queixo; exportamos carne e importamos derivados lácteos. Son elementos que poden cambiar, pero para iso precisamos dunha industria transformadora, e iso é un proceso complexo. Tampouco as consumidoras van mudar de hábitos dun día para outro. 

A taxa de cobertura de alimentos, a diferenza entre o que exportamos e importamos, é deficitaria para a Galiza

Como afecta isto ao rural?

No rural optamos por un modelo intensivo de produción agraria no que os incendios forestais, a forte contaminación en determinadas comarcas agrarias e a perda de ecosistemas non son problemas, senón síntomas dun modelo inadecuado froito dunha falta de ordenación territorial. É importante cambiar o foco e ver todo en positivo. É certo que temos pouca superficie agraria útil, menos do 25% da terra está dedicada a usos produtivos agrarios. É un problema, pero tamén unha oportunidade. 

Pero para aproveitar esas oportunidades fai falla man de obra e o rural leva anos perdendo poboación. Que é o que está a fallar?

Na medida en que as zonas rurais non xeran renda, non xeran emprego, prodúcese unha perda de poboación. Pero a demografía non é un problema; en todo caso é un síntoma dun problema máis profundo que neste caso é a falla de emprego. Ademais, aínda no caso de que crease emprego, se non se constrúen espazos atractivos e adecuados aos estándares de condicións de vida do século XXI, non se vai lograr fixar poboación, xa que a xente preferirá os núcleos que ofrezan servizos. 

Unha cousa é o rural que queremos e outra o rural que podemos

Porén, séguese a apostar por núcleos máis grandes. 

É unha cuestión polémica, pero  tamén unha realidade que se está a dar. O rural de baixa e media densidade de poboación perde habitantes ano tras ano, no de baixa densidade de forma moi intensa. Os concellos cunha vida máis dinámica, cunha oferta de servizos máis ou menos ampla, non perde poboación. Como sociedade temos que dar unha resposta se queremos avanzar cara a ese modelo ou buscar un alternativo, e ser pragmáticos. Unha cousa é o rural que queremos e outra o rural que podemos. Encantaríame que 30.000 entidades de poboación estean vivas dentro de 30 anos, pero realmente temos posibilidade de ofrecer condicións de vida axeitadas a todas elas? Eu teño serias dúbidas. O que está claro é que como sociedade debemos tomar unha decisión: podemos agardar a que ese cambio de modelo veña só ou facelo de modo planificado.

Comentarios