O ministro Escrivá avoga por centralizar os impostos no Estado

Considera un "despropósito" que os gobernos territoriais "compitan entre si" en materia fiscal.
José Luis Escrivá, ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera José Luis Escrivá, ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, mostrouse esta terza feira partidario de centralizar impostos para evitar o "despropósito" de que os gobernos territoriais "compitan entre si" en materia fiscal.

Escrivá, en declaracións a Onda Cero, deixou claro que esta é unha opinión "a título persoal", que xa defendeu no pasado, e que vén a conta da decisión anunciada nesta segunda feira pola Xunta de Andalucía de suprimir o Imposto de Patrimonio, seguindo o ronsel da Comunidade de Madrid.

"Paréceme un despropósito que as comunidades se dediquen a competir fiscalmente unhas coas outras", subliñou o ministro, que considerou que eliminar Patrimonio é unha medida "extraordinariamente regresiva" nun momento no que se requiren "políticas redistributivas" para as persoas máis vulnerábeis polos efectos da inflación.

"As comunidades autónomas o que teñen que facer é dedicarse a mellorar a provisión de servizos en sanidade, en educación... Isto da competencia fiscal entre elas é un asunto que xamais entendín", indicou.

O ministro explicou que esta situación deriva dun sistema de financiamento autonómico "mellorábel", que é o que decide os recursos cos que debe contar cada comunidade para prover a cidadanía de servizos públicos fundamentais como sanidade e educación.

No Estado español, precisou, decidiuse ir a un sistema de cesión de impostos completos e tramos de impostos, aínda que el é partidario do modelo australiano, no que a asignación de recursos autonómicos é en función do gasto efectivo per cápita en cada un dos servizos públicos que se xera.

"É un modelo moito máis fino. En cambio, en España estamos moi instalados nesta cesión de impostos que ten moita tradición, mais que a min, persoalmente, non me gusta porque xera estas derivas tan indesexábeis como as que estamos a ver estes días", insistiu.

Para Escrivá, este é un debate "fundamentalmente técnico, non político". "Os cidadáns entenden que as comunidades autónomas xogan un papel central na provisión de servizos de educación, sanidade ou dependencia e iso xa é tan importante...", concluíu.

Comentarios