459 execucións hipotecarias sobre vivendas en 2022

Hai cinco execucións hipotecarias por cada dous casos de 'okupación'.
Protesta de Stop Desafiuzamentos na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta de Stop Desafiuzamentos na Coruña. (Foto: Nós Diario)

O número de execucións hipotecarias sobre vivenda situouse en 459 durante o pasado ano, o que supón unha caída de 30,7% en comparanza co ano anterior, segundo os datos publicados esta segunda feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Delas, 327 eran vivendas de persoas físicas e 132, de persoas xurídicas.

En termos globais, no país contabilizáronse 774 execucións hipotecarias sobre propiedades, das que 72 eran leiras rústicas; 459, vivendas; 11, solares urbanos, e 232, outro tipo de leiras urbanas. Das 459 vivendas, 46 eran novas e 413 eran domicilios usados. Só no cuarto trimestre de 2022, o número de execucións hipotecarias sobre vivendas na Galiza foi de 87, e até 145 no total de leiras.

Pola súa parte, o número de vivendas 'okupadas' intervidas polas autoridades policiais ficou en 177 nos once primeiros meses de 2022 —á espera de sumar o dato de decembro—, segundo unha estatística avanzada recentemente polo Ministerio do Interior. No total do ano anterior foran 195, o 'récord'. Deste modo, e á espera de saber o dato definitivo incluíndo o último mes do ano, na Galiza produciuse unha 'okupación' por cada 2,5 execucións hipotecarias; ou, o que é o mesmo, dúas 'okupacións' por cada cinco execucións sobre vivenda.

Datos estatais

A nivel estatal, o número de execucións hipotecarias sobre vivendas habituais situouse en 11.556 en 2022, cifra 5% inferior á de 2021, sempre segundo a estatística de execucións hipotecarias publicada polo INE. Con este descenso, as execucións hipotecarias sobre vivendas habituais poñen fin a dous anos consecutivos de aumentos de dous díxitos logo de que en 2021 e 2020 medrasen 60,3% e 41,6%, respectivamente.

Durante o cuarto trimestre do ano precedente rexistráronse 3.049 execucións hipotecarias sobre vivendas habituais, o que se traduce en 50,8% máis que no trimestre anterior, pero 7,9% menos que no cuarto trimestre de 2021.

O obxectivo principal desta estatística do INE é ofrecer trimestralmente o número de certificacións de execucións hipotecarias iniciadas e rexistradas nos Rexistros da Propiedade durante o trimestre de referencia. Estatística lembra que non todas as execucións de hipoteca rematan co lanzamento (desafiuzamento) dos seus propietarios.

Comentarios