As seis medidas máis destacadas do Goberno español para facer fronte á crise

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, compareceu ante os medios tras concluír o Consello de Ministros e Ministras que aprobou o decreto de medidas anticrise para dar a coñecer as principais actuacións. Eis un resumo do anuncio.

Pedro Sánchez, durante a intervención (Imaxe: Moncloa)
photo_camera Pedro Sánchez, durante a intervención (Imaxe: Moncloa)

O decreto de medidas anticrise aprobado polo Consello Ministerial do Estado español conta cun orzamento de 9.000 millóns, segundo expuxo na declaración ante os medios de comunicación o xefe do Executivo, Pedro Sánchez, criticado nas últimas horas polo seu posicionamento a respecto da crise migratoria en Melilla que deixou, cando menos, 27 falecidos.

O Goberno español estima que as actuacións económicas suporán a contención da inflación en 3,5 puntos. O IPC alcanzaría, dixo, “os 14 puntos” de non pór en marcha as citadas medidas, que se prolongarán até o 31 de decembro de 2022.

  1. A baixada do IVE na factura da luz do 10 ao 5%. Esta medida xa fora anunciada por Sánchez na cuarta feira durante a sesión de control no Congreso
  2. Redución do 50% do custo dos abonos de transporte estatais, como Renfe, e do 30% nos autonómicos a partir do 1 de setembro
  3. Axudas directas de 200 euros para traballadoras e traballadores autónomos e persoas desempregadas con baixos ingresos que se poderá solicitar desde xullo. Aplicarase ás rendas por debaixo dos 14.000 euros ao ano, sempre e cando non se estea a percibir o ingreso mínimo vital
  4. A creación dun novo imposto que gravará os beneficios das grandes empresas enerxéticas a partir do 1 de xaneiro de 2023
  5. O aumento do 15% das pensións de xubilación e invalidez non contributiva, así como do ingreso mínimo vital
  6. A limitación do prezo da bombona de butano

En relación á creación dun novo imposto para gravar os inxentes beneficios das empresas eléctricas, unha das medidas máis esperadas coas que xa contan Estados da contorna, Sánchez explicou que non entra no paquete de actuacións para a resposta á crise da inflación, pois presentarase un proxecto de lei no Congreso por parte do Goberno de coalición.

Medidas que se manteñen

O presidente do Executivo informou de que manteñen o resto de medidas relativas á electricidade, como a ampliación do desconto do bono social e a suspensión do imposto sobre o valor da produción.

Tamén continúa até final de ano a redución de 20 céntimos no litro de combustíbel, así como as axudas do Ingreso Mínimo Vital, a prohibición de suspender o subministro de enerxía e o tope da suba dos alugueres. 

Igualmente, prorrógase a setembro o aprazamento de cotas á Seguridade Social e as axudas á seca, así como se estenden as axudas ás persoas afectadas pola erupción do volcán da illa da Palma.

Comentarios