Pedro Sánchez anuncia unha rebaixa do IVE da luz: pasará de 10% a 5%

O presidente do Goberno español participa hoxe na sesión de control no Congreso ao Executivo estatal.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. (Foto: Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, acaba de anunciar no Congreso que o Executivo ten pensado aprobar unha rebaixa no Imposto do Valor Engadido (IVE) da luz, que pasará de 10% actual a 5%.

O anuncio tivo lugar na sesión de control ao Goberno do Estado que decorre esta cuarta feira na Cámara baixa española, como resposta a unha pregunta de Esquerra Republicana (ERC).

O portavoz no Congreso de ERC, Gabriel Rufián, preguntou a Sánchez polas medidas que ten pensado adoptar o Executivo estatal para paliar a situación económica do Estado español, xa que "a xente non pode chegar a comprar froita en verán". 

Rufián asegurou que, de non atacar a inflación, "pódelles arrasar a vostedes e a nós no verán", en alusión a unha posíbel convocatoria anticipada de eleccións pasado o período estival. "Basta de parches, de cheques. Impostos ás grandes fortunas deste país, ás grandes empresas eléctricas e petroleiras. Fagan o que prometeron", sentenciou o deputado de Esquerra Republicana.

Pola súa parte, o presidente español volveu sinalar a guerra en Ucraína como causante do encarecemento da vida, e mantivo que o seu Goberno está a tomar medidas para axudar a familias e empresas.

Tamén lembrou que o pasado ano o Executivo estatal xa aprobara unha rebaixa do IVE da luz, que naquel momento estaba en 21%, a 10% actual.

Rego ve a medida "insuficiente"

Néstor Rego, portavoz do BNG no Congreso, entendeu que a medida "é insuficiente e que chega tarde". Lembrou que a formación nacionalista leva anos e, con insistencia nos últimos meses en relación coa suba de prezos, demandando a baixada do IVE da luz a 4% por ser un ben esencial, sempre defendendo que esa medida debe ir á par doutras que garantan que non se perdan ingresos e unha fiscalidade máis xusta.

"É unha medida insuficiente se non ven acompañada dun imposto aos beneficios extraordinarios das eléctricas, que fan negocio con bens públicos como a auga ou o vento. Ou con medidas como unha modificación global da regulación do sistema eléctrico para rematar cos beneficios chovidos do ceo", puxo de manifesto o nacionalista, incidindo na necesidade de eliminar o mercado marxinalista e pasar ao pagamento polos custos de produción.

Lembrando a proposta do BNG dunha empresa pública galega de enerxía e dunha tarifa eléctrica galega, Rego insistiu en que hai que camiñar "na creación de empresas públicas que dean marxe ás administracións para actuar no mercado eléctrico. Parécenos que é positivo que o Goberno do Estado escoite e execute as propostas do BNG mais se non se anuncian outro tipos de medidas, serán insuficientes" conclúe.

Consello de Ministras e Ministros extraordinario

Segundo explicou o presidente, esta rebaixa do IVE da luz será aprobada polo Consello de Ministras e Ministros extraordinario convocado para este sábado.

Esta xuntanza de carácter urxente dos integrantes do Executivo de Sánchez servirá tamén para aprobar outras medidas contra a inflación, recollidas no novo decreto para facer fronte ás consecuencias da alza dos prezos.

Comentarios