O prezo da luz volve subir e marzo podería ser o mes máis caro da historia

Aliás, desde esta terza feira o prezo máximo do butano sobe 4,96%, e o do gas licuado de petróleo canalizado, 8,5%.
luz foto de  Luma
photo_camera Marzo vai camiño de se converter no mes máis caro da historia (Foto: Nós Diario).

O prezo medio da electricidade no mercado maiorista manterase esta segunda feira perto dos 250 euros o megawatt/hora (euros/MWh), segundo os datos provisionais publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). En concreto, o prezo medio da electricidade ficará nos 251,70 euros/MWh, 3,81 euros (+1,54%) máis caro que este domingo.

Deste modo, o prezo da luz continúa afastado do máximo histórico rexistrado o pasado 8 de marzo, cando se alcanzaron os 544,98 euros/MWh no marco da espiral alcista do gas natural polo impacto da invasión rusa de Ucraína. Por treitos horarios, o prezo máximo da luz para esta segunda feira darase entre as 8 horas e as 9 horas, con 295 euros/MWh, mentres que o mínimo, de 214,8 euros/MWh, rexistrarase entre as 23 e as 00 horas.

Marzo podería ser o mes máis caro da historia

A pesar da moderación dos últimos días, o prezo medio do megawatt por hora no mercado maiorista no que vai de mes sitúase en 358,45 euros, isto é, case 120 euros máis que a media de decembro de 2021, o até o de agora mes máis caro da historia con 239 euros de media.

A luz fechou 2021 como o ano máis caro da serie histórica, cun prezo medio de 111,93 euros/MWh debido á espiral alcista rexistrada no 'pool' no segundo semestre. Con todo, no que vai de 2022 o prezo medio sitúase contorna aos 227,64 euros, máis do dobre que o exercicio anterior.

Sobe o prezo do gas

Por outra parte, o prezo máximo da bombona de gas butano de 12,5 quilogramos medrará 4,96% a partir desta terza feira, até situarse nos 18,63 euros, segundo unha resolución publicada esta segunda feira no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Aliás, tamén desde esta terza, o prezo máximo do gas licuado de petróleo (GLP) canalizado subirá 8,5% a factura para un cliente medio que consuma 500 quilogramos anuales, en comparanza cos prezos en vigor.

Comentarios