O abaratamento dos alimentos a nivel global non se reflicte na Galiza

Os prezos da alimentación a nivel mundial descenderon 22% en 14 meses.
Varias persoas traballan nunha plantación de café en Kenia (Foto: Nós Diario).
photo_camera Varias persoas traballan nunha plantación de café en Kenia (Foto: Nós Diario).

O índice de prezos dos alimentos, elaborado pola Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), situouse en maio no seu nivel máis baixo desde abril de 2021, despois de baixar 2,6% respecto do mes anterior e situarse nos 124,3 puntos.

Deste modo, a referencia sitúase 22,1% por baixo do máximo histórico alcanzado en marzo de 2022, cando o índice de prezos dos alimentos escalou até os 159,7 puntos, despois de baixar en 13 dos últimos 14 meses.

Porén, as baixadas no índice da FAO a nivel global non se están reflectindo na economía galega, que acumulaba 18 meses de subas mensuais consecutivas no prezo dos alimentos até a baixada experimentada no mes de abril, de só unha décima.

O alivio na presión dos prezos dos alimentos observado en maio responde ás baixadas observadas nos subíndices de produtos lácteos, aceites vexetais e cereais, mentres que as referencias da carne e do azucre experimentaron unha repunta.

En concreto, o índice de prezos dos cereais baixou a 129,7 puntos en maio, o seu nivel máis baixo desde xullo de 2021, situándose 4,8% por baixo da lectura de abril e 25,3% do récord que alcanzou hai un ano.

FAO destaca que os prezos internacionais do trigo diminuíron 3,5% no último mes, como consecuencia das mellores perspectivas de subministración na próxima campaña e da prórroga da Iniciativa sobre a Exportación de Cereais polo Mar Negro, mentres que os prezos do millo caeron 9,8%.

Os prezos dos aceites vexetais situáronse nunha media de 118,7 puntos en maio, o nivel máis baixo desde outubro de 2020, cunha diminución mensual de 8,7% e de 48,2% anual, consecuencia do abaratamento dos prezos mundiais dos aceites de palma, soia, colza e xirasol.

Así mesmo, os produtos lácteos situáronse en maio en 118,7 puntos, a súa lectura máis baixa desde setembro de 2021, cunha caída de 3,2% respecto de abril e de 17,7% anual, consecuencia do pico estacional da produción leiteira no hemisferio norte.

Comentarios