Manuel Jove, fundador de Fadesa e rei do ladrillo

O empresario, de 78 anos e falecido esta quinta feira na súa residencia da Coruña, fixo fortuna co negocio inmobiliario.
Manuel Jove
photo_camera Manuel Jove

Após un ano de loita contra unha longa enfermidade "contra a que pelexou con forza, fiel ao seu talante", segundo recoñeceron desde a empresa que dirixia, o empresario Manuel Jove, de 78 anos, falecía na madrugada desta quinta feira na súa casa da Coruña. 

De orixe humilde, comezou a súa vida laboral moi novo, aos 11 anos, no taller de carpintaría do seu pai. Oito anos máis tarde abriría o seu propio taller xunto co seu irmán Ángel, actual presidente do grupo Anjoca. Trasladouse despois da madeira ao ladrillo, creando nos anos 70 do pasado século a inmobiliaria Fadesa, que conseguiu colocar o empresario Fernando Martín por máis de 4.000 millóns de euros en 2007, antes de estourar a burbulla inmobiliaria.

Creou entón a corporación Inveravante, a través da que canaliza a súa fortuna. Desde esta institución definen o empresario como "un grande emprendedor, un traballador incansábel, cunha excelente visión para os negocios, e unha persoa fiel aos seus, ao seu equipo".

Manuel Jove estaba casado e tiña tres fillos. María José, a maior, morreu en 2002. Na súa memoria creou a fundación que leva o seu nome, María José Jove. Filipa, a súa outra filla, que nos últimos anos foi a súa man dereita na corporación, ademais de presidir a fundación familiar, e Manuel Ángel, que preside a filial inmobiliaria Avantespacia.

O ladrillo converteu a Jove nun dos xigantes do inmobiliario. O seu maior éxito foi o de saber retirarse a tempo. Fadesa iría á quebra pouco tempo despois de ser vendida, deixando centos de familias galegas sen traballo e macrourbanizacións como a de Costa Miño a medio construír. 

O empresario tardaría en volver ao negocio inmobiliario puro. Antes diso, realizou importantes investimentos en sectores como a banca (chegou a controlar 5% de BBVA), enerxías renovábeis, petróleo, alimentación (adegas e queixos galegos) e hoteis, coa cadea Attica21. Mesmo apostou na moda galega coa compra da firma Caramelo, que tempo máis tarde entraría en liquidación. Na actualidade tiña varios proxectos en marcha no país, como a urbanización de Xaz (Oleiros), o hotel de Samil e promocións  de vivendas na Coruña e Vigo.

O carpinteiro que aprendeu dos seus tropezos

Manuel Jove era deses homes que aprendía dos seus erros para levantarse con máis forza. Antes de triunfar con Fadesa, fracasara con varias iniciativas empresariais. Cos anos e con décadas de experiencia no sector, fixo de Inveravante un grupo internacional con sede na Coruña que controla activos tan relevantes como o complexo Anfaplace en Casablanca, que conta cun residencial, centro de congresos, centro comercial e un hotel xestionado pola prestixiosa cadea Four Seasons.

Sen saír de Marrocos, en Tánxer ten outros dous hoteis xestionados por Hilton. En 2018 vendeu a petroleira colombiana Vetra por 76 millóns de euros, o que lle permitiu volver con forza ao ladrillo. A través de Avantespacia, desenvolve promocións na Galiza, Asturias, Canarias, Madrid, Nafarroa e Andalucía e ten proxectos no Brasil, México e Romanía.

Comentarios