Jove regresa con forza ao ladrillo após vender a inmobiliaria Fadesa

Avantespacia, a división inmobiliaria do grupo Inveravante, propiedade do empresario Manuel Jove, aposta forte por levantar novas promocións residenciais na Galiza ao tempo que amplía mercados. 
Vivendas de Avantespacia en Vigo (Inveravante).
photo_camera Vivendas de Avantespacia en Vigo (Inveravante).

orría o ano 2006 cando o empresario galego Manuel Jove decidiu desfacerse de Fadesa por 4.000 millóns de euros. Eran os anos previos ao colapso do sector, e a Jove saíulle ben a xogada. Tanto que dez anos máis tarde, en 2016, decidiu volver apostar no sector da construción. Fíxoo da man de Anida, a inmobiliaria do BBVA, creando a sociedade Avantespacia Inmobiliaria, que colga da corporación Inveravante, a patrimonial do empresario galego da que colgan outras filiais adicadas ao sector hoteleiro (coa cadea Attica21), a enerxía ou os produtos alimentarios selectos. 

A comezos de 2019, hai agora un ano, Jove fíxose co control de 30% de Avantespacia en mans de Anida. Desde entón, o goteo de novas promocións é incesante. A última operación, anunciada esta segunda feira, foi a adquisición dun solo en Iruña a Altamira e Metrovacesa para a construción de 72 vivendas. 

En total, a carteira de solo deste novo xigante inmobiliario con sede na Coruña ascende xa a 1,5 millóns de metros cadrados nos que ten en desenvolvemento 2.500 pisos repartidos por varios territorios do Estado español. Con todo, Galiza representa unha terceira parte desa carteira de solo, 35% contando con Asturias, coa que conforma a denominada Zona Noroeste, onde Avantespacia está a construír 1.015 novas vivendas coas que pretende xerar uns ingresos duns 270 millóns de euros até 2021, unha cifra que ascende a 770 millóns de euros no conxunto dos territorios. 

Proxectos en marcha 

Os proxectos galegos actualmente en execución concéntranse nas áreas metropolitanas da Coruña e Vigo. A Finca de Xaz, no concello de Oleiros é un dos seus referentes. Alí, ademais dun campo de golf de 18 buratos, levanta 475 vivendas de diferentes tipoloxías. Na Coruña, na rúa Caballeros, conta cunha promoción en construción de 20 vivendas de primeira calidade. En Vigo, pola súa banda, ten en marcha dous inmobles, un na rúa Marqués de Valladares, de 39 vivendas, que está pendente dos informes de Patrimonio para iniciar a súa construción, e outro na rúa Tomás Alonso, en fase de formulación arquitectónica.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios