O aumento dos prezos pon contra as cordas o colectivo tras varios anos de crise

Galiza ten 23.213 autónomos menos que en 2009

Os traballadores e traballadoras por conta propia lideraron a destrución de emprego desde a chegada de Feixoo á Xunta, con máis de 20.000 postos laborais perdidos. As consecuencias da 'gran recesión', o parón imposto pola pandemia e, agora, o aumento dos prezos coloca os autónomos nunha situación límite.

 

Un negocio de hostalaría. (Foto: Eusebio García del Castillo / Europa Press)
photo_camera A hostalaría é un dos sectores onde máis emprego autónomo se destruíu nos dous últimos anos. (Foto: Eusebio García del Castillo / Europa Press)

A Galiza conta con 23.213 autónomos menos desde marzo de 2009. Se nesa data o número de ocupados por conta propia chegaba a 231.158 persoas, a cifra tense reducido até 207.945 en febreiro de 2022. Neste sentido, 2010 -con 7.457 empregos menos-, o ano 2011 -con 4.637 menos-, e 2012 -con 3.173 autónomos menos- foron as peores anualidades para o colectivo, que non conseguiu recuperar as baixas nos exercicios seguintes. A este respecto, resulta significativo que en todo este período, en ningunha anualidade, agás en 2021, aumentou o número de empregados neste réxime, significándose tamén unha importante baixada do seu poder adquisitivo no marco do proceso xeral de desvalorización interna que provoca unha importante redución das rendas do traballo.

20.000 falsos autónomos

Unha porcentaxe de persoas rexistradas no Réxime Especial de Autónomos responden ao perfil de falsos autónomos, persoas que se autoempregan para permanecer no mercado laboral ou que recorren a esta figura para seguir ligadas a unha empresa a custa de perder dereitos laborais. Segundo as estimacións do informe  GEM Galiza 2020-2021, atópanse nesa situación arredor de 20.000 galegas e galegos. A profesora da Universidade Carlos III de Madrid Raquel Carrasco e a da Universidade de Alcalá, Virginia Hernanz , sinalan que “os autónomos involuntarios representan máis de 30% do total de autoemprego na Galiza”, situándose sete puntos por encima da media estatal.

2020 foi un ano especialmente duro para os autónomos. Malia que a destrución de emprego non acadou os niveis dos anos iniciais da segunda década do século XXI, o colectivo rexistrou unha importante perda de poder adquisitivo. Así, nun recente informe, o Banco de España sinala que “en maio de 2020, máis dun terzo de traballadores autónomos con menos rendementos perderon 46% dos seus ingresos”, só conseguindo recuperar no mes de novembro 17% das perdas. Na mesma dirección, o regulador estatal conclúe que “os traballadores por conta propia perderon máis ingresos pola pandemia que un asalariado, que un parado ou un xubilado”.

O proceso de empobrecemento dos traballadores por conta propia vén de vello, porén estase acentuando nos últimos anos. Unha mostra disto, son as pensións medias dos autónomos galegos, cifradas en 668,9 euros, 518 euros por baixo dun asalariado, con Ourense presentando a peor contía, con 646,84 euros; seguida de Lugo con 647,31 euros; A Coruña con 692,31 euros e Pontevedra con 698,24 euros. Así, un informe Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) cualifica as pensións dos autónomos galegas como as máis baixas de todo o Estado, adiantando unha perda de poder adquisitivo nos vindeiros anos como consecuencia da nova base de cálculo das xubilacións.

A precariedade

A precariedade bate contra os traballadores por conta propia. A mesma ten preocupado ao Banco de España, que apunta que “o efecto continúa neste momento provocando bolsas de pobreza que non teñen perspectiva de solucionarse a curto prazo polos novos problemas inflacionistas, subas de subministros  e materias primas e as probábeis consecuencias que pode traer para economía española o conflito bélico entre Rusia e Ucraína”. Neste sentido, diversos colectivos de autónomos levan meses advertindo das consecuencias da alza dos prezos da electricidade e do seu impacto en toda a actividade económica.

Lois Lopes cualifica a suba dos prezos da luz de “barbaridade, triplicouse”. Presidente da asociación empresarial Hostalaría.gal e propietario dun negocio de restauración en Compostela, sinala a Nós Diario que “esta tendencia vén desde mediados de 2021, se ben os primeiros golpes deixáronse notar cos recibos do mes de setembro” e denuncia “o incremento das materias primas que non é só o aceite, que medrou 27% entre xaneiro e febreiro, senón o pan ou a fariña”. Ante tal situación, afirma que "só queda repercutir aos consumidores o aumento dos nosos custos de explotación". Lopes recoñece que “isto vai retraer o consumo polo que fan falla medidas que o incentiven”.

Marcelino Villarino rexenta unha ferraxaría en Foz. Segundo sinala en declaracións a Nós Diario “a alza nos artigos á venda” no seu negocio “é moi importante, sobre todo naqueles que levan cobre ou aceiro inoxidábel, con subas de 16%”. Destaca que "no ano pasado xa se comezou a notar o incremento dos prezos á volta de xuño con alzas nos produtos por riba do Índice de Prezos do Consumo (IPC)”. Villarino denota “unha gran falla de materiais, sobre todo en artigos que proceden de fora do Estado español

Comentarios