A falta de oportunidades pola crise levou as galegas a se faceren autónomas

A tradición familiar está detrás de unha de cada catro iniciativas.
Unha muller traballa co seu ordenador nunha oficina (Foto: Ricardo Rubio/Europa Press).
photo_camera Unha muller traballa co seu ordenador nunha oficina (Foto: Ricardo Rubio/Europa Press).

A crise da Covid-19 provocou un lixeiro estancamento da actividade emprendedora na Galiza, que situou a súa taxa en 4,3% en 2020, mantendo as mulleres, como xa sucedera en anos anteriores, un impulso superior ao dos homes (5% fronte a 3,5%, respectivamente).

Así se desprende do informe executivo GEM Galiza 2020-2021, realizado a partir de datos recollidos en setembro de 2020, que evidencia un cambio de tendencia nos motivos que levan as galegas e os galegos a se faceren autónomas.

Segundo o documento, sete de cada dez iniciativas indican que a falta de oportunidades no mercado de traballo é unha das motivacións para desenvolver o seu proxecto, descendendo de modo considerábel aquelas que nacen coa idea de marcar unha diferenza no mundo, desde 35% en 2019 até 21% en 2020. Pola súa parte, a tradición familiar, que motiva 28% dos emprendedores, está detrás de boa parte das iniciativas.

Moitos destes proxectos responden pois ao perfil de falsas autónomas, persoas que se autoempregan para permanecer no mercado laboral ou que recorren a esta figura para seguir ligadas a unha empresa á custa de perder dereitos laborais. Calcúlase que no país hai máis de 20.000, unha cifra que aumentou pola crise.

Outro dos aspectos sobre os que chama a atención o estudo é a resiliencia do tecido emprendedor, xa que 7% da poboación mostraba intención de emprender nos próximos anos. Estes datos, obtidos nun momento de total incerteza, permiten ser optimistas no proceso de recuperación da actividade emprendedora en 2021, mensaxe que trasladou a directora técnica do proxecto GEM, Isabel Neira, na presentación do informe.

Perfil emprendedor

O estudo identifica tamén o perfil da persoa emprendedora na Galiza. A idade media está ao redor dos 40 anos, aumenta a porcentaxe que posúe estudos de formación profesional e superiores (43% dos homes e 39% das mulleres), e nas iniciativas nacentes tamén destaca a porcentaxe da persoas con estudos de posgrao (28%).

Ademais, as persoas que emprenden na Galiza declaran ter habilidades e coñecementos para emprender. Máis da metade tiñan intención de xerar emprego; perto de 20% innovou en produtos e servizos e 15%, en procesos.

Porén, o medo a fracasar e a percepción de poucas oportunidades para emprender seguen a ser os principais freos a actividade emprendedora.

Comentarios