A loita contra a velutina reduce en 20% os beneficios da apicultura na Galiza por venda de mel

Un estudo da USC cifra en 2,5 millóns os custos de prevención e control desta especie invasora no país

A mortalidade das abellas do país aumentou máis de 30% nas últimas décadas. (Foto: Europa Press)
photo_camera A mortalidade das abellas do país aumentou máis de 30% nas últimas décadas. (Foto: Europa Press)

Os gastos derivados da aplicación e posta en marcha de medidas de prevención e control para frear os efectos provocados pola avespa velutina reducen un 20% os beneficios que xera a apicultura na Galiza pola venda de mel.

Así se desprende das conclusións do estudo do impacto económico e ecosistémico desta especie invasora orixinaria de Asia desenvolto por persoal investigador do grupo Economía Agroalimentaria e Ambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social (Ecoagrasoc) na Escola Politécnica Superior de Enxeñeira do Campus Terra da USC.

As investigacións realizadas polos profesores de Ana Isabel García Arias e Ían Vázquez González, e a investigadora no mesmo centro universitario lugués Mariam Ferreira Golpe, que formaron parte do equipo multidisciplinar da USC integrado no proxecto Interreg Atlantic Positive (2019-2023), centráronse na análise do impacto económico e nos ecosistemas da avespa velutina.

Así, tras realizar un total de 151 enquisas a persoas dedicadas á apicultura na Galiza, estimaron que os custos de control e prevención nos que incorreron ascenden a 2,5 millóns de euros (entre 1,8 e 3,3 millóns cun intervalo de confianza de 95%), con datos referidos ao 2020.

Conforme destacou a USC nun comunicado, unha análise pormenorizada dos datos permite cifrar o custo medio sufragado polas case 5.000 persoas apicultoras na Galiza en 501 euros.

O estudo revela tamén que o trampeo foi o método máis estendido fronte a velutina. De feito, os gastos derivados da colocación destes dispositivos, a pesar das trampas gratuítas repartidas polas administracións, representan aproximadamente a metade dos custos asumidos polas persoas apicultoras. O custo da formación ascendeu a 64 euros por apicultor ou apicultora.

 

Comentarios