martes 24/11/20
Análise

As limitacións do límite de gasto galego

A suspensión por parte do Goberno do Estado das regras fiscais derivadas do Pacto de Estabilidade e Crecemento ten permitido á Xunta da Galiza un aumento no limite de gasto que segue a ser insuficiente para dar resposta ás necesidades da sociedade galega. Un novo sistema de financiamento pasa a ser prioritario.
Sesión do Parlamento da Galiza en que se aprobou o límite de gasto de 2021. (Foto: Europa Press)
Sesión do Parlamento da Galiza en que se aprobou o límite de gasto de 2021. (Foto: Europa Press)

Como consecuencia da pandemia, a Comisión Europea aplicou unha cláusula que permite desviarse fiscalmente dentro do Pacto de Estabilidade e Crecemento, e no Estado suspendéronse para 2020 e 2021 as regras fiscais que impoñían unha intensa senda de redución do déficit público. Neste contexto, o 10 de novembro o Parlamento da Galiza aprobou o límite de gasto non financeiro para 2021 en 11.664 millóns de euros, un aumento de 1.500 millóns e do 15% a respecto do presente ano. Sendo un crecemento significativo, será insuficiente ante as graves carencias dos servizos públicos galegos e a necesidade de estímulos á economía. Vexamos as limitacións que agocha.
Un incremento que non é tanto.

Recordemos que en 2009, hai máis dunha década, o orzamento da Xunta de Galiza foi de 11.426 millóns de euros. Se tendo en conta o Índice de Prezos ao Consumo(IPC) actualizamos ese valor a 2020, a contía sería de 12.854 millóns, polo que o orzamento de 2009 era, en termos reais, 1.190 millóns de euros superior ao límite de gasto que se aprobou para 2021.

A Administración Xeral do Estado (AXE) quédase cada vez con máis parte do déficit a repartir. A pesar da suspensión das regras fiscais, o Ministerio de Facenda propuxo unhas taxas de déficit de referencia de 5,2% para a AXE e de 1,1% para as Comunidades Autónomas (CCAA), que se tivo como referencia para fixar o límite de gasto galego.

Así, a administración central quédase con case 5 veces máis porcentaxe de déficit que as CCAA, cando para o actual 2020 facíao en 2,5 veces. O reparto do déficit entre as administracións sempre privilexiou a AXE fronte a autonómica ou a local, mais desta vez, nun só ano incrementa no dobre ese privilexio fronte ás CCAA de réxime común. Non é así nas comunidades con concerto económico, que van dispoñer dunha marxe máis ampla. Lembremos que Euskadi negociou co Goberno estatal un déficit do 2,6% para 2021. 

Un incremento de fondos no que nada tivo que ver Alberto Núñez Feixoo. Como recoñece a Xunta, o incremento débese aos recursos procedentes do incremento do déficit na marxe proposta polo Ministerio de Facenda, á transferencia extraordinaria procedente da AXE e aos 430 millóns dos fondos React-UE. Estes tres conceptos supoñen 1.730 millóns de euros máis que o previsto no Orzamento do presente ano e son totalmente alleos á xestión da Xunta da Galiza. Sen eles, o teito de gasto para 2021 sería mesmo inferior ao actual.

O sistema de financiamento amósase insuficiente unha vez máis. O informe que acompaña o teito de gasto sinala que “o sistema de financiamento non está deseñado para soportar o impacto dun acontecemento como a actual pandemia, que afecta de xeito especial as políticas de gasto sanitarias, sociais e educativas, pero tamén de apoio aos distintos sectores económicos...”. Estando de acordo niso, resulta evidente que Galiza precisa de máis fondos para impulsar estas prioridades. Porén, os recursos que achegará o sistema de financiamento para os orzamentos de 2021 estímanse en 7.849 millóns de euros, 125 millóns menos que para o actual 2020.

Incrementar o déficit e as transferencias extraordinarias son parches provisionais. Para que  contemos cun marco estábel, que achegue máis recursos, é preciso concertar un novo sistema de financiamento que nos dote de plenas capacidades fiscais, xusto o que non demanda Feixoo.

comentarios