Sánchez e Iglesias presentan uns orzamentos que “deixan atrás a austeridade”

As contas contemplan a suba de impostos a grandes empresas e patrimonios.

Pedro Sánchez e Pablo Iglesias orzamentos do Estado foto de La Moncloa
photo_camera Pedro Sánchez e Pablo Iglesias (Foto: Moncloa)

O Goberno español escenificou a primeira hora de hoxe na Moncloa a unidade na proposta dos orzamentos xerais do Estado que sae do Executivo para procurar apoios parlamentares. Unha unidade que non se fechou até a noite de onte, co acordo entre ambas as patas, PSOE e Unidas Podemos, do Goberno, e que se traduce nunhas contas que, en palabras de Pablo Iglesias, vicepresidente segundo, “deixan atrás a austeridade” e a aposta nas fórmulas neoliberais.

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, e Pablo Iglesias compareceron na Moncloa, xuntos, flanqueados polas bandeiras española e da Unión Europea e diante dun ‘panel que anunciaba que ‘habemus orzamentos’.

Unhas contas que contemplan a suba de impostos para grandes empresas e dun punto para patrimonios por riba dos 10 millóns de eruos, así como suba de 3 puntos no IRPF para rendas de máis de 200.000 euros.

Aliás, reduciranse as desgravacións de plans de pensións e establecerase unha tributación mínima de 15% para socimis (sociedades cotizadas de investimento inmobiliario). Son, incidiron Sánchez e Iglesias, uns orzamentos expansivos.

Sánchez destacou que os novos  OXE son a "peza clave" para a recuperación económica e supón deixar atrás a austeridade e os recortes, para dar paso a unha "enerxía" e unha "vontade" do Executivo español de "saír adiante" tras a pandemia cun investimento público social histórica, de 239.765 millóns, un 10,3% máis, incluíndo un adianto de 27.000 millóns dos fondos europeos.

"A resposta dos  OXE vai estar á altura do impacto, debuxa un antes e un despois do modelo económico e non se vai a deixar a ninguén atrás, reducindo desigualdades e fortalecendo os servizos públicos", dixo.

Iglesias destacou que se inaugura "unha nova época en política económica que deixa atrás definitivamente a etapa neoliberal e de recortes e pon España na senda de recuperación de dereitos laborais e sociais e reforzo de servizos públicos".

Comentarios