Os Estados deberán aprobar previamente as reformas esixidas para recibir os fondos

A UE endurece as condicións dos rescates

A Comisión Europea está a introducir novas esixencias para acceder ás axudas aprobadas no cumio de xullo. A máis importantes delas condiciona a achega dos fondos á previa aprobación das reformas esixidas por Bruxelas. Os Estados da periferia da UE, entre eles o español, prepáranse para o peor dos escenarios.
europa
photo_camera Xuntanza do cumio europeo de xullo. (Foto: Europa Press)

O cumio europeo de xullo representou unha derrota para os Estados da periferia europea. Por unha banda, a proposta aprobada ficou moi lonxe das súas demandas iniciais, ao reducirse substancialmente a contía do orzamento comunitario para o período entre 2021 e 2027 en relación coa cantidade defendida polo Parlamento Europeo ou polos Gobernos español e italiano. Por outro lado, unha parte moi importante dos denominados “fondos de reconstrución” pasaron a ser financiados con diñeiro procedente doutros programas, con especiais rebaixas nas contías da Política Agraria Común (PAC), dos fondos de cohesión e dos incentivos ao investimento privado promovidos polo Banco Europeo de Investimentos (BEI).

A reunión de xefes de Estado certificou, tamén, unha importante rebaixa das transferencias e a confirmación dun marco de duras condicións e estrita vixilancia para os Estados receptores. Se o día do comezo do cumio o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, defendeu un reparto do fondo onde 66% de 750.000 millóns de euros se correspondesen con subvencións e 33% con préstamos, finalmente só 52% de 750.000 millóns de euros foron asignados como axudas directas. Ao tempo, delegouse a análise e a aprobación de plans de reformas estatais na Comisión Europea e nos Estados membros, abríndose a proposta á introdución de modificacións por parte destes. Os resultados do cumio levaron o economista e antigo ministro de Finanzas grego, Yanis Varoufakis, a afirmar que “regresou a troika”.

Novos criterios para os fondos

A Comisión Europea vén de endurecer os criterios de acceso e de reparto dos fondos. Segundo se recolle na guía e borrador do regulamento de acceso aos mesmos, coñecida esta semana, para recibir as axudas os Estados membros deben presentar un plan de reformas que recolla as demandas solicitadas polas autoridades comunitarias. “Os Estados membros deben examinar o paquete completo de recomendacións específicas dirixidos a eles pola Comisión”, en particular baixo os ciclos de 2019 e 2020. A menos que a Comisión identifique nas recomendacións un “progreso substancial” ou unha “aplicación completa”, todas deben ser consideradas “relevantes”, sinala o regulamento da Comisión.

O documento elaborado polas autoridades comunitarias explica os criterios de avaliación de aprobación da asistencia financeira para os diferentes Estados. Así, pon de manifesto que se examinarán oito aspectos dos plans de investimento e reformas, entre eles o nivel de cumprimento das reformas esixidas pola Comisión nas tres últimas anualidades, “a transición verde”, “a dixitalización”, o “impacto do plan”, “o custo dos investimentos”, “a coherencia entre os investimentos e as reformas” e o “plan de aplicación”, incluído o calendario de investimentos e os seus obxectivos.

A Comisión Europea vai outorgar unha cualificación a cada un deses epígrafes. O A determina un cumprimento elevado, o B parcial e o C escaso ou nulo, non obtendo fondos aquel Estado que reciba o C en calquera deses puntos. Ao tempo, se se cualifican con B máis apartados que con A tampouco reciben recursos, acontecendo outro tanto no caso de non obter A nos bloques referidos a “reformas” e “transición verde”. Neste sentido, a opinión estendida é que a Comisión Europea impón un maior nivel de esixencia nas condición do rescate pola “porta de atrás”, advertindo que conceder tanto peso “ás reformas” implica asumir un recate duro.

Impacto no Estado español

Os novos criterios fixados por Bruxelas son obxecto de preocupación nunha parte dos Gobernos europeos. O Executivo de Pedro Sánchez, quen presentou o cumio como un éxito sen precedentes, asume agora que as axudas non van ser efectivas, no mellor dos casos, até a segunda metade de 2021 e que previamente debe acometer a reforma do sistema de pensións e novos axustes orzamentarios. Tanto é así que o Executivo remata de facer pública a súa intención de incluír nos orzamentos de 2021 uns 20.000 millóns de euros como adianto a conta que suplan as achegas europeas até facerse efectivas. Ao tempo, o Goberno prepara un cambio no réxime das pensións, aumentando a idade de xubilación e a base de cálculo na cotización, na liña do demandado desde Bruxelas. Nesa mesma orientación, dáse por feita a continuidade da actual lexislación laboral ou mesmo unha mudanza nunha dirección máis involutiva.

Reformas ou recortes?

Un axioma asumido entre os economistas críticos é que reforma é o eufemismo empregado polos seus colegas das diferentes escolas liberais para referirse aos recortes. O acontecido coa reforma da lexislación laboral aprobada por Raxoi ou do sistema de pensión impulsada por Zapatero son un bo exemplo disto.

Comentarios