José Antonio Pérez, presidente Federación Confrarías: "A UE non tivo en conta as confrarías nas axudas"

A Federación Galega de Confrarías trasladou, no marco dunha audiencia pública organizada pola Comisión Europea de Pesca, as súas inquedanzas sobre as consecuencias do Brexit. Así mesmo, defendeu o funcionamento deste sistema ademais de pedir unha menor burocratización que facilite o seu traballo. 
José Antonio Pérez na súa intervención do foro (Federación Galega de Confrarías)
photo_camera José Antonio Pérez na súa intervención do foro (Federación Galega de Confrarías)

En 2018 avisaron a Unión Europea da importancia da función da pesca artesanal na Galiza. Cal cre que é a razón de que non se tivera en conta este sector? 

Na perspectiva europea pénsase que teñen en conta o sector artesanal. Na normativa sempre citan a importancia de manter as comunidades pesqueiras e a importancia do sector artesanal e os recursos. No papel queda moi ben, mais despois todo son restricións e baixadas de cotas e iso é o que quixen expor na audiencia pública. A profesión está moi burocratizada, demasiado lexislada.

Cando non se coñece o sector parece unha escusa pero podo asegurar que estamos saturados de normativas, permisos, certificados... e os que están nos despachos non o ven no seu conxunto, cada un restrinxe o seu e o prexudicado é o mariñeiro.

De que maneira afectou o Brexit ás confrarías?

Parece que non nos afecta se o que se ten é unha perspectiva a moi curto prazo mais xa o notamos nas cotas de pesca que se están negociando, como as de pescada, cabala ou raia, que son especies para a pesca artesanal de moita importancia.

Por outra parte, a baixada de cotas doutras especies como lagostino ou rapante, aínda que non son obxectivo da pesca artesanal, poden dar lugar que outras frotas que se dediquen a estes animais modifiquen as súas especies obxectivo por outras que poden afectar á pesca artesanal. A pesca é unha cadea, non se pode dicir que unha cuestión que lles pode afectar a barcos que faenan en caladoiros que en principio parecen a moita distancia de nós non nos poida afectar tamén de rebote.

Cales son as principais demandas da Federación cara á Unión Europea?

Insistimos en que se debe aprobar unha xestión diferenciada para a frota artesanal e sobre todo no que atinxe á exención do sistema de totais admisíbeis por captura (TAC) e cotas para as capturas accesorias ou accidentais da frota artesanal. A pesca artesanal adoita ser moi dirixida pero é necesario indicar que tamén se realizan vendas por lotes ou variados que son moi cotizados nas lonxas.

Tamén indicamos que as confrarías non se tiveron en conta nas axudas extraordinarias pola Covid-19. Descoñecían que son as confrarías as entidades que realizan a primeira venda do produto na Galiza principalmente e a importancia na comercialización das nosas entidades é fundamental, non poden ser esquecidas a nivel Europeo.

Hai presións para que o sistema de confrarías que temos na Galiza  deixe de ser o que foi sempre?

Non, en absoluto. O que se trata é de solucionar un erro histórico na non consideración da importancia a nivel europeo. A Organización Común de Mercados cita a figura das organizacións de produtores como a única recoñecida para a comercialización, e a UE entende que son as únicas que poden utilizar mecanismos de intervención no mercado.

E dese descoñecemento vén que esta Federación explique á Comisión de Pesca que queremos seguir sendo confrarías coa nosa forma xurídica, coas nosas características porque amosaron ao longo da historia que funcionan pero que nos concedan as vantaxes na comercialización que poden ter as organizacións de produtores pesqueiros (OP) sobre todo a aquelas confrarías que desenvolven a primeira venda e organizan a produción a nivel local.

O principal problema é que non existen confrarías de mariñeiras e mariñeiros noutros países europeos e é difícil facerllo entender.

Comentarios