'Instinto Romano', medalla de ouro da cata de viños da Ribeira Sacra

Miguel Pavón prima a calidade sobre a cantidade nos seus caldos.
IMG_20220609_212928
photo_camera Miguel Pavón e Antía Pavón, recollendo o premio. (Foto: Nós Diario)

O viño 'Instinto Romano' vén de levar a medalla de ouro na categoría de tintos na última cata dos viños da Denominación de Orixe Ribeira SacraMiguel Pavón, un enxeñeiro agrícola natural de Taboada está detrás deste caldo, que na pasada colleita sacou ao mercado perto de 10.000 botellas e ao que as persoas expertas auguran un futuro prometedor. 

En declaracións a Nós Diario, Pavón explica que o viño galardoado é froito dun proxecto que iniciou no ano 2006 a partir dunha viña para autoconsumo que tiñan os seus avós.

El aposta no tinto, por un viño no que 90% é uva mencía, mais no que tamén hai variedades autóctonas, como a garnacha, a merenzao e a brancellao, que lle dá os matices que lle valeron o que el cualifica como "un recoñecemento ao traballo destes anos", nos que converteu esas vides nun modo de vida.

O impulsor de 'Instinto Romano' foi agrandando a quinta da media hectárea que traballaba o seu avó a algo máis de catro, un proceso no que aínda está inmerso, xa que aspira a seguir ampliando a bodega nos próximos anos.

Porén, admite que non ten pensado aumentar moito a produción, como moito até as 30.000 botellas, pois prefire primar "a calidade sobre a cantidade".

O 'gancho' da terra

Da Ribeira Sacra, tanto a denominación de orixe como o territorio que representa, Pavón afirma que é un bo reclamo, sobre todo agora que se fala da candidatura a Patrimonio da Humanidade. 

"A publicidade sempre vai ben, pero hai que responder, e os viños de aquí están respondendo", asegura o empresario, que co seu traballo aspira a seguir colleitando bos caldos e recollendo novos galardóns.

Comentarios