Subirán o alugueiro e os prezos de venda das vivendas? Esta é a previsión das inmobiliarias para 2023

Ourense é a única das sete cidades onde medra o número de vivendas baleiras.
Bloque de vivendas en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Bloque de vivendas en Compostela. (Foto: Nós Diario)

A Federación galega de empresas inmobiliarias espera un 2023 "estábel en prezos", con menos operacións de compravenda de vivendas e cun alugueiro con incremento de prezos e "máis presión" da demanda. No seu balance anual de transaccións inmobiliarias, a federación destaca que o mercado da vivenda en compravenda, tanto usada como nova, fecha "o mellor ano da última década".

De feito, 2022 contabilizou no país un total de 21.200 transaccións, fronte ás 19.815 de 2021, as 15.215 de 2020 e as 17.108 de 2019. O prezo a 31 de decembro sitúase en 1.525 euros por metro cadrado, mentres o máximo da vivenda na Galiza deuse no ano 2007, con 2.225 euros/m2.

De cara ao próximo exercicio, as inmobiliarias auguran que os prezos de venda "estabilizaranse no primeiro cuadrimestre de 2023" e prevén que o mercado da vivenda en arrendamento "seguirá á alza e con menos oferta no primeiro semestre do próximo ano". As grandes cidades da Galiza "non sufrirán unha caída de prezos da vivenda a pesar dunha posíbel recesión económica", de acordo co seu prognóstico.

Pola súa parte, os baixos e locais comerciais baleiros "incrementaranse entre 12 e 15%" no conxunto do país no primeiro semestre de 2023. Tamén se espera que haxa "menos concesión de hipotecas e máis caras" e calcula que descenderán 10% as compravendas de vivendas novas e usadas no primeiro cuadrimestre. Namentres, Vigo e A Coruña seguirán focalizando a maioría de operacións de compravenda de vivendas e sendo o centro de interese en materia de investimento.

Vivendas baleiras

Este balance incorpora un informe de vivendas baleiras nas sete principais cidades do país, un documento que recolle que Ourense é a única cidade onde medra o número na comparativa decenal.

Aliás, sinala que o seu casco antigo é a zona das sete grandes cidades galegas menos habitada, con 5,6%. "A habitabilidade do centro histórico, que unicamente supuña xa 8,8% da poboación da cidade hai unha década, agora só supón 5,6%", constata. "E iso que o uso principal no casco antigo é residencial en 95,2%", engade.

Locais baleiros

Por último, o estudo inclúe tamén un informe sobre locais baleiros no circuíto de comercialización en arrendamento que indica que "as modificacións de aforro enerxético —inasumíbeis economicamente para moitos pequenos negocios—, o incremento da factura da luz e custos enerxéticos, e o final da tempada estival está a incrementar o fechamento de actividades económicas e o aumento de locais comerciais baleiros na totalidade da Galiza".

A federación adianta unha previsión para o primeiro cuadrimestre do próximo ano "demoledora" que pode incrementar o parque de locais comerciais no circuíto de comercialización en 15 ou 20%, debido á "forte desaceleración" da economía prevista e o incremento de custos financeiros e enerxéticos.

Comentarios