O alugueiro segue á alza na Galiza sen visos de contención

A Coruña é a cidade galega máis cara para alugar unha vivenda, cun prezo medio de 9,25 euros o metro cadrado.
As cidades galegas suman un número importante de vivendas baleiras. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As cidades da Coruña e Ourense, a máis barata e máis cara do país, respectivamente. (Foto: Nós Diario)

O prezo medio do alugueiro na Galiza situouse nos 5,59 euros por metro cadrado en novembro, o que supón 1,64% máis que no mesmo mes de 2021, segundo o informe mensual de pisos.com, difundido esta segunda feira. Esta cifra supón unha caída de 0,53% se se compara con outubro e, deste modo, sitúa o país como o quinto territorio do Estado español máis barato para as persoas inquilinas, por detrás de Castela e León (4,70 euros/m2), Estremadura (5,22 euros), Castela-A Mancha (5,27 euros) e A Rioxa (5,58 euros).

Por provincias, Ourense foi a undécima a nivel estatal que máis subiu, con 2,43% máis que un mes antes, mentres que A Coruña rexistrou a cuarta baixada máis intensa do país, con -2,86%. De forma interanual, Pontevedra (+10%) contabilizou a duodécima suba máis salientábel do Estado, e situouse como o territorio máis caro da Galiza, con 7,69 euros o metro cadrado, mentres que A Coruña (-3,6%) foi o duodécimo que máis caeu no mercado estatal.

Por cidades, Ourense situouse como a cuarta capital de provincia do Estado español co prezo máis económico de media, con 6,29 euros por metro cadrado. Pola súa parte, A Coruña presentou a renda de alugueiro máis elevada do país, con 9,25 euros o metro, o que representa 2,5% máis que en outubro.

No conxunto do Estado, o prezo medio do alugueiro en novembro foi de 10,38 euros o metro cadrado, isto é, 1,27% máis que en outubro e 4,74% máis que hai un ano. "As subas son xeneralizadas e vai ser complicado que esta evolución cambie de signo porque este mercado está sometido a unha gran presión", indicou o director de Estudos de pisos.com, Ferrán Font.

Neste senso, o experto sinalou que o principal problema é a falta de oferta, xa que "propietarios que levaban tempo alugando retiran os seus inmóbeis do circuíto porque non están dispostos a someterse a un tope nas rendas, dado que eles tamén sofren a inflación".

Aliás, engadiu que "aqueles que acaban de chegar marcan mensualidades altas que expulsan do mercado moitos inquilinos, pero estes inmóbeis non teñen problema para alugarse rapidamente a pesar do seu prezo". Polo lado da demanda, tampouco é previsíbel que os prezos camiñen cara á contención porque "agora os tipos de interese das hipotecas non favorecen a compra, así que moitos alongarán a súa etapa dentro do arrendamento", segundo este experto.

As vivendas dispoñíbeis, dixo, son incapaces de responder á cada vez máis avultada demanda, sobre todo, nas grandes cidades, por mor do endurecemento dos requisitos previos para poder alugar. "A ocupación e o vandalismo son temores que levan os arrendadores a impor filtros importantes á hora de seleccionar os arrendatarios, tales como depósitos, avais, seguros ou varios meses de fianza por adiantado", asegurou Font.

Comentarios