Unha iniciativa popular busca priorizar a pesca sobre outras actividades no mar

O Parlamento da Galiza xa deu luz verde á tramitación da proposta.
Xaquín Rubido (sentado no centro), representante da comisión promotora da ILP presentada esta sexta feira en Carril, no municipio de Vilagarcía de Arousa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xaquín Rubido (sentado no centro), representante da comisión promotora da ILP presentada esta sexta feira en Carril, no municipio de Vilagarcía de Arousa (Foto: Nós Diario).

A Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para o recoñecemento e protección das actividades pesqueiras e marisqueiras comezou o seu camiño tras ser informada favorabelmente polos servizos xurídicos do Parlamento da Galiza e ser admitida a trámite, segundo fixeron público esta sexta feira os membros da comisión promotora desta ILP, que destacaron o "amplo respaldo" e a súa "pluralidade", xa que está formada por unhas 25 persoas entre as que se atopan representantes de confrarías e bateeiros da ría de Arousa, a Federación Galega de Confrarías, a Federación da Coruña e as plataformas das rías de Vigo, Pontevedra, Muros-Noia e Arousa, xunto co Colectivo Ecoloxista do Salnés.

A comisión promotora propón engadir na actual Lei de Pesca dous novos artigos que "recoñecen de interese xeral as actividades pesqueiras e marisqueiras da Galiza e declaran que na ordenación do espazo marítimo serán prioritarias e garantiranse estas actividades fronte a outras que puidesen resultar incompatíbeis ou ocupar o seu espazo". 

O presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e representante da comisión promotora, Xaquín Rubido, sinalou que a relevancia desta iniciativa "vai ser grande", xa que entende que é "un tema transversal a toda a sociedade". "Este sector é o que garante a este país a súa supervivencia e soberanía alimentaria. Iso hai que impulsalo e hai que darlle cobertura legal", manifestou.

Actividades incompatíbeis

A preguntas dos medios sobre que actividades poden resultar incompatíbeis ou ocupar o espazo que na actualidade ocupan as actividades pesqueiras e marisqueiras, Rubido afirmou que se trata de "todas aquelas que compiten polo espazo marítimo", aínda que recoñeceu que "as que están máis de actualidade" son as relacionadas co sector eólico.

Neste sentido, lembrou que nos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) "non se tivo en consideración os caladoiros de pesca galegos, que teñen un amplo percorrido histórico". Así mesmo, especificou que esta iniciativa tamén fai referencia a aquelas actividades que "son incompatíbeis por contaminar as augas das que vive a actividade pesqueira e marisqueira".

"Non todo vale"

"Defendemos que non todo vale, que hai que ter unha ordenación do espazo", argumentou Rubido. Nesta liña, expuxo que se necesita de auga doce, máis aínda "nun contexto climático no que a auga doce vai ser un luxo". Por iso, censurou que " unha das cousas que máis demandan as empresas transnacionais que se queren situar na Galiza é a auga". "Altri é unha gran consumidora de auga, a mina de Touro tamén é unha gran consumidora de auga", exemplificou ao respecto.

Desta forma, defendeu que a Galiza debe decidir "que modelo de país" quere, porque "non vale todo". Outro dos obxectivos, sinalou, é promover este debate "no conxunto da sociedade". "Este debate non se pode excluír da cidadanía. Cremos que isto pode ser algo que tranquilamente poidamos dialogar e contrapor as nosas diferentes opinións, e temos que tentar pórnos de acordo en que modelo de país queremos. Non se pode ter de todo", concluíu Rubido.

Os pregos de sinaturas comezaranse a encher no mes de setembro

Agora, unha vez que foi aprobado o modelo de sinaturas en apoio da ILP, imprimiranse os 2.000 pregos e repartiranse entre todos os colectivos para comezar a recollida. A comisión estima que este proceso comece na primeira semana de setembro e que se estenda até mediados do mes de decembro deste ano.

Por outra parte, a comisión promotora da ILP avanzou a súa vontade de reunirse con todas as forzas políticas presentes no Parlamento da Galiza para trasladarlles "a importancia de apoiar e impulsar esta iniciativa lexislativa popular que favorece os intereses xerais de toda a poboación galega, dá seguridade xurídica ao sector do mar, protexe a soberanía alimentaria e consolida e arraiga poboación nos municipios costeiros", sentenciaron os membros do colectivo propoñente.

Comentarios