A UE deixa en mans da frota o peso de descarbonizar o sector

O cumio de ministros e ministras de Pesca da Unión Europea (UE), que rematou esta terza feira en Vigo, centrouse na necesidade de descarbonizar a actividade do sector. Porén, o comisario de Pesca da UE, Virginijus Sinkevicius, recoñeceu que non existen fondos comunitarios para axudar á frota con esa carga.
O ministro de Pesca español, Luis Planas, e o comisario de Pesca da UE, Virginijus Sinkevicius, esta terza feira (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
photo_camera O ministro de Pesca español, Luis Planas, e o comisario de Pesca da UE, Virginijus Sinkevicius, esta terza feira (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).

A Comisión Europea non ten plans na actualidade para a creación dun novo fondo da Unión Europea (UE) co obxectivo de financiar a construción de buques máis eficientes e sostíbeis, segundo sinalou esta terza feira en Vigo o comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca da UE, Virginijus Sinkevicius, no marco do cumio informal de ministros e ministras de Pesca.

Desta maneira, a UE carga sobre as costas da frota pesqueira a potencial descarbonización do sector, nunha cimeira que precisamente tiña esta cuestión como tema central e na que o comisario da UE puxo o foco na importancia das novas tecnoloxías e dos combustíbeis máis eficientes para conseguir avanzar neste obxectivo. 

Sinkevicius recoñeceu que o financiamento de buques con fondos públicos é un "debate complicado" e, aínda que non se prevé a creación dun fondo concreto para isto, si afirmou que se analizarán os fondos actuais para contribuír dalgunha maneira a este obxectivo.

Con todo, centrouse en explicar que terán que ser as empresas privadas as que "fagan súa" a transición enerxética e contribúan "co seu capital" á mesma. En concreto, preguntado sobre se o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) será ampliado para axudar á construción de novos barcos, tanto el como o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación do Estado español, Luis Planas, dixeron que se trata dun fondo "modesto" e que a súa dimensión non permite exporse a outros obxectivos que non sexan os actuais.

Ambos puxeron a mirada para as novas perspectivas financeiras da UE a partir de 2027, que se discutirán no ano 2024, para debater sobre novas necesidades de financiamento adicionais que poderían ser "eventualmente públicas", segundo indicou Planas.

Sinkevicius quixo deixar claro que agora será necesario recorrer ás "ferramentas existentes", polo que Bruxelas publicará a finais de ano unha guía para que o sector poida coñecer os fondos de financiamento actuais que poden interesarlles para a transición enerxética.

Capacidade dos buques

As novas tecnoloxías de propulsión necesitan máis espazo nos barcos, polo que no caso de intentar desenvolver o cambio de tecnoloxía para a descarbonización nos buques xa construídos, tamén serían necesario novos investimentos.

Ao respecto, Sinkevicius insistiu en que primeiro haberá que empezar polas marxes e flexibilidades xa existentes. "A Comisión [Europea] non vai evitar o diálogo para ver esta posibilidade e a normativa debe mirar ao futuro", sinalou, pedindo unha "coordinación de esforzos" entre os actores do sector ante este "desafío".

Axudas para as pemes do sector agroalimentario

O Consello de Ministros e Ministras do Estado español aprobou esta terza feira habilitar fondos por 25 millóns de euros para facilitar o acceso ao financiamento de pequenas e medianas empresas (pemes) do sector agroalimentario e pesqueiro.

Comentarios