O INE corrixe o IPC de marzo (-0,1) mais o risco de deflación non escorrenta

Unha queda sostida e constante dos prezos supón un risco para a economía do Estado español e a zona euro. No conxunto do Estado esa baixada foi no que vai de ano dun -1,2%. En Galiza, -1,4%

O diñeiro negro vai en aumento no Estado

O Instituto Nacional de Estatística corrixiu nunha décima os dados do IPC de marzo, Do -0,2% previsto queda en -0,1 a respecto do mesmo mes de 2013. O Índice de Prezos ao Consumo volve a dados negativos. O que tamén supón unha serie de riscos e perigos para a economía. Algo que hai unhas semanas advertía o eurocomisario Joaquín Almunia e estes días o FMI, que alertaba do alto risco de deflación no Estado español. De aí que haxa un coro de voces a pedir que o Banco Central Europeo mova ficha.

No que vai do presente exercicio a taxa galega é dun -1,4% mentres que no Estado español é de -1,2%. Se facemos a comparativa inter-anual esta é de 0,0% en Galiza e -0,1% no Estado.

Un período longo e sostido de baixada de prezos é un perigo, lembran economistas e analistas. Se ben un período así preserva o poder adquisitivo das rendas dispara o valor das débedas e acrecenta o custo relativo dos intereses. Escenarios fatais para os actores endebedados, sexan estes familias, empresas ou estados. E aqueles, como o español, o italiano, o grego, en proceso de rescate, están endebedados, e non pouco.

Mais non é esta a única consecuencia negativa: supón un freazo para o medre económico. O motivo: que @s consumidor@s tenden a retrasar as decisións de compra pois esperan que os prezos sexan aínda máis baixos. Xa que logo, a deflación supón un calexón sen saída para o emprego, entre outras consecuencias.

Comentarios