A imposición de colectores de envases non implica mellores cifras de reciclaxe

A recuperación de materiais respalda o modelo de Nostián e Lousame.
O persoal da separación manual de residuos, como estas traballadoras de Lousame, encárgase da clasificación dos materiais (Foto: Nós Diario).
photo_camera O persoal da separación manual de residuos, como estas traballadoras de Lousame, encárgase da clasificación dos materiais. (Foto: Nós Diario)

O observatorio especializado en residuos rethinking.ong recoñece o modelo húmido-seco como "o sistema de recollida selectiva máis vantaxoso para alcanzar os obxectivos de reciclaxe". 

Este modelo, baseado na diferenciación de catro fraccións (papel-cartón, vidro, orgánico e inorgánico), presenta como principais vantaxes que "diminúe os fluxos de recollida selectiva", o que "minimiza as fraccións a separar"; que "a separación en orixe da fracción orgánica facilita a recuperación posterior do resto de materiais"; que "simplifica a mensaxe a transmitir", o que "facilita a participación cidadá na xestión de residuos", e que "os resultados obtidos na recollida selectiva de materiais  son moi satisfactorios".

As afirmacións do observatorio son referendadas polas taxas calculadas pola Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) a partir dos datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), pois segundos os mesmos, a recollida no modelo húmido-seco non xera peores resultados de recuperación, senón ao contrario. 

Os datos de 2019, últimos dispoñíbeis desagregados por plantas de reciclaxe, arroxan unha taxa de recuperación de envases lixeiros en Lousame de 57,7%, e na Coruña de 48,9%, mentres que a do modelo da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), que emprega o colector amarelo, fica nunha porcentaxe de 27%.

Porén, a Xunta insiste na exixencia de que as plantas con modelo húmido-seco (como a de Nostián na área metropolitana da Coruña e a de Lousame na Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza) abandonen o seu modo de proceder na separación de residuos, amparándose nunha suposta obrigatoriedade imposta pola nova normativa estatal.

A lei abre a porta a manter o modelo húmido-seco

Se ben é certo que a nova lei estatal de residuos estabelece como modelo xeral a instalación de cinco colectores, separando os envases lixeiros do resto da fracción inorgánica, a norma abre a porta ao mantemento do modelo húmido-seco en varios supostos. 

"O Miteco, previa valoración da Comisión de Coordinación en materia de residuos poderá exceptuar regulamentariamente a obriga de recoller por separado os residuos", estabelece o texto da nova lei estatal de residuos.

Deste modo, a norma permite o mantemento do modelo húmido-seco se "a recollida conxunta de determinados tipos de residuos non afecta á súa aptitude para que sexan obxecto de preparación para a reutilización, de reciclaxe ou doutras operacións de valorización, e produce, tras as devanditas operacións, un resultado dunha calidade comparábel e cantidade equivalente á alcanzada mediante a recollida separada", sinala a nova lei.

Tamén se podería manter o modelo húmido-seco no suposto de que "a recollida separada non proporcione o mellor resultado ambiental se se ten en consideración o impacto ambiental global da xestión dos fluxos de residuos de que se trate", se "a recollida separada non é tecnicamente viábel tendo en consideración as boas prácticas na recollida de residuos" e no caso de que a recollida separada implique "uns custos económicos desproporcionados tendo en conta o custo dos impactos adversos sobre o medio ambiente", estabelece a norma.

A importancia da selección dos residuos en planta

Segundo sinala a Nós Diario Hadrián Canosa, presidente do comité de empresa da planta de Nostián, "a imposición dun quinto colector, en principio, non prexudica". Porén, di, "o noso modelo, sendo húmido-seco, con catro colectores, ten mellores resultados que Sogama". A chave, explica, é que "aínda que haxa material que veña separado non significa que non teña que haber persoas que fagan un necesario filtro final e control de calidade, hai que manter os postos de traballo -da separación en planta- de todas as formas".

Unha perda de postos de traballo que causa preocupación en Lousame, explica a este xornal José Ángel Brantuas, presidente do comité de empresa da planta deste municipio: "Implantar o colector de envases é un trauma para nós porque queren reducir a selección en planta aínda cando xera mellores resultados".  

Bonificarase o 15% do canon de Sogama sen colector marrón

A Xunta da Galiza volveu rectificar con respecto á bonificación da taxa que abonan aqueles Concellos que empregan a planta de reciclaxe da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama).

Nunha contestación a unha pregunta formulada polo deputado do BNG Luís Bará, o Executivo galego afirma que "tendo en conta o actual contexto económico, a Xunta decidiu apostar o vindeiro ano por ampliar até 15% a bonificación do canon de Sogama a todos aqueles concellos adheridos que promovan a redución de residuos e o incremento da reciclaxe de envases lixeiros, trasladen a rebaixa ao recibo que pagan as persoas usuarias e que, como novidade, asuman o compromiso de introducir a recollida separada dos biorresiduos antes do 31 de decembro de 2023".

Non se especifica o método de separación

A principal novidade desta resposta do Executivo galego é que elimina a mención á obriga de instalar o colector marrón como requisito para acceder á bonificación de 15% da taxa polo servizos de Sogama. A Xunta estabelece a obriga de introducir a recollida da separada de biorresiduos como condición para beneficiarse da rebaixa de prezo, mais non especifica cal debe ser o método de separación, como si o facía unha carta Sogama enviou aos Concellos previamente.

Trátase dunha nova rectificación sobre estas bonificacións, despois de que o 2 de novembro a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, defendera a retirada da bonificación de 10% existente até 2022. Tan só unha semana despois, o 9 de novembro, o presidente da Galiza, Alfonso Rueda, anunciou unha bonificación de 15%.

Comentarios